BDS conmemora Al-Nakba presentando os apoios da Galiza

Boicote, Desinvestimento e Sancións a Israel conmemora Al-Nakba o día 22 presentando os apoios dos distintos sectores da sociedade galega á campaña. O actor Cándido Pazó, a deportista Pilar Neira, o músico Narf ou o escritor Cesáreo Sánchez serán algunhas das persoas participantes no acto. 

Máis de 350 persoas do mundo da cultura asinaron o manifesto de BDS que defende os dereitos do pobo palestino e apoia un boicot a Israel mentres non mude a súa política de opresión. Algunhas destas persoas estarán o día 22 ás 20 horas no Hotel Araguaney de Compostela na presentación dos apoios da sociedade galega á campaña. 

Narf desde a música, Pepe Carreiro nas artes plásticas, Cesáreo Sánchez na escrita, Pablo Reboleiro do circo, Cándido Pazó do teatro, Perfecto Conde no xornalismo, Moncho Boán do mundo sindical, Anuncio Moroño da coordinadora de crentes e Pilar Neira do ámbito do deporte son as persoas que se presentarán publicamente no acto como un grupo saído dos centos de persoas que apoiaron a chamada de BDS. Por parte da organización intervirán Elvira Souto máis Mohamed Safa. 

Rosalía en árabe

Durante o acto, que quere ser tamén unha conmemoración da Al-Nakba na Galiza, proxectarase o vídeo “Adios Ríos, Adiós Fontes” en versión en árabe con interpretación de Dana Yasin. 

A campaña BDS Galiza sumouse á internacional que defende os dereitos do pobo palestino fronte á presión israelí. Demandan o fin da “ocupación e a colonización e o desmantelamento do Muro que divide Palestina”, “o recoñecemento dos dereitos fundamentais” dos palestinos residentes en Israel e “o respecto, a protección e a promoción do dereito ao retorno das persoas expulsadas da súa terra en 1948 polo exército regular e os grupos paramilitares sionistas e a devolución das súas propiedades nos termos estipulados pola resolución 194 das Nacións Unidas”.

As persoas asinantes do mundo da cultura, máis de 350, comprométense a non presentar as súas creacións en Israel mentres persista a ocupación e a colonización dos territorios palestinos e non se recoñezan os dereitos do pobo palestino. 

Comentarios