Baltar pai e o alcalde de Ferrol e presidente da Fegamp, novos imputados na trama da Pokemon

A xuíz Pilar de Lara impútalles delitos por ‘suborno a funcionarios’ e cítaos a declarar, canda outras 16 persoas, en Lugo a vindeira segunda feira.

ferrol
photo_camera Rey Varela

A Pokemon semella non ter fin en canto a ‘coellos’ tirados da chisteira dunha trama que se estende por cada vez máis cidades do país. Segundo avanza La Voz de Galicia, a xuíz Pilar de Lara imputou por presunto delito de ‘suborno a funcionario’ (en español, cohecho) o alcalde de Ferrol e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, e tamén o ex-presidente da Deputación de Ourense. Rey Varela e José Luis Baltar terán que comparecer, canda outras 16 persoas, o vindeiro luns ante a xustiza.

Segundo sinala La Voz de Galicia, na providencia De Lara pide que se engada o sumario un informe de Vixiancia Aduaneirasobre pagos feitos a políticos e funcionarios por parte de responsábeis do grupo Vendex en Ourense, así com o outro informe que inclúe presuntos delitos de ‘cohecho’ e branqueo de diñeiro.

Tamén terá que comparecer ante a xuíz o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo

É en base a este último informe no que se basea De Lara para chamar a declarar a 18 persoas para o vindeiro día 30 deste mes. Entre os citados, e en calidade de testemuña, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo.

O xornal coruñés afirma que na listaxe de persoas que están imputadas por ‘suborno a funcionario’ figuran políticos xa imputados na Pokemon, ademais de varios empresarios. O tenente alcalde da Coruña, Julio Flores, o ex-man dereita de Conde Roa e xefe da gabinete en Compostela, Ángel Espadas, entre os citados; así coma o ex alcalde de Ourense Francisco Rodríguez ou os ex-concelleiros nacionalistas Varela Parada e Martínez Caxigal. 

Comentarios