Baltar escollía a quen se contrataba e que fosen do PP "era casualidade"

O ex-presidente da Deputación de Ourense rexeitou responder ás preguntas da acusación particular e só contestou ás preguntas do xuíz, o ministerio fiscal e o seu avogado. Asegurou que el mesmo escollía a quen se contrataba e o feito de que fosen do PP "era casualidade".
Baltar nos xulgados
photo_camera Baltar nos xulgados

Pouco a pouco sabemos máis do que aconteceu no interior do Pazo de Xustiza de Ourense durante o interrogatorio a José Luís Baltar. O ex-alcalde de Nogueira de Ramuín (1976-1987) e presidente da Deputación Provincial de Ourense entre 1987-2012 non quixo responder ás preguntas da acusación particular e só contestou ás preguntas do xuíz, o ministerio fiscal e o seu avogado.

Preguntado pola ordenanza de contratación realizada en 2004, na que figuran dous tipos diferentes segundo a urxencia ou non, respondeu que el non participou na súa elaboración. 

Nas súas respostas, segundo fontes xudiciais, chegou a afirmar que a relación dalgúns traballadores e traballadores con seu partido "era casual" malia aceptar el persoalmente @s candidat@s. Asegurou que recibía as peticións de aumentar o cadro de persoal a través dos xefes de servizo por medio de currículos que logo el validaba. Baltar desviou, deste xeito, a responsabilidade dos contratos investigados "aos técnicos" asegurando que non sabía cal era o procedemento administrativo neses casos. "É cousa de outros", chegou a dicir na súa declaración.

Baltar asegurou que as peticións de aumentar o cadro de persoal viñan dos xefes de servizo.

Malia ter responsabilidades en varias institucións, primeiro no concello de Nogueira de Ramuín e logo na propia Deputación provincial, negou saber como eran os expedientes de contratación e que podían ser irregulares. Os contratos investigados que deron pé á querela contra Baltar por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa formalizáronse por decreto do propio ex-presidente da Deputación.

Após as declaracións das diferentes testemuñas, a acusación particular que realizou o PSdeG-PSOE solicitará que o xuíz abra novas dilixencias e solicitará que se achegue máis documentación. Tamén está prevista a petición para que declare como testemuña o xefe de Recursos Humanos da Deputación, José Luís Juárez.

Imaxes: Óscar Pinal

Comentarios