Aznar traza a liña a seguir con Catalunya

Artur Mas e Oriol Junquera asinaron o que en conxunto se denomina Pacte per la Llibertat que supón a garantía de estabilidade parlamentaria para o goberno de Catalunya durante os próximos anos.

Mais non é a estabilidade parlamentaria de Catalunya o que preocupa o goberno de Madrid senón o compromiso adquirido por CIU e ERC de celebración dun referendo en 2014, posiblemente en coincidencia co de Escocia e tamén co 300 aniversario da caída de Barcelona perante as tropas de Filipe V. 

Como ocorreu noutras ocasións, a acción do catalanismo político pode mudar o curso da política española. Por iso, a propia vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, en declaracións aos medios, descartou toda posibilidade de celebrar o referendo advertindo que o ordenamento xurídico ten mecanismos suficientes para “frenar cualquier ilegalidad”. 

Neste contexto, analistas como Enric Juliana contemplan a posibilidade de o Partido Popular, aproveitando ese escenario ao que remite José María Aznar cos seus continuos chamamentos a afrontar coa máxima severidade o "desafío" catalán, tome a decisión de adiantar as elección na España para 2014, en coincidencia cos eleccións europeas de xuño dese ano.

O expresidente acaba de publicar o primeiro tomo das súas memorias e iso permítelle unha presenza intensiva nos medios de comunicación sen que ninguén no seu partido poida recriminalo por perturbar o difícil labor de goberno de Mariano Rajoy. Aznar dita a liña -unha liña posíbel- con boa cobertura.

Comentarios