As autoridades tardaron 2 horas en activar o nivel de emerxencia acaído ao sinistro

Os partes do Servizo de Emerxencias 112, aos que tivo acceso El País, sinalan graves erros e deficiencias de coordinación e comunicación durante o operativo de rescate: Helicópteros mobilizados que non despegan, ausencia dun posto de control, falta de coordinador sanitario, dificultades coa luz artificial nun rescate norcturno...

Accidente tren Angrois

O operativo de rescate do sinistro ferroviario máis grave da historia de Galiza (e dos máis graves do Estado) estivo inzado de erros e deficiencias. Así se desprende dos informes e partes do Servizo de Emerxencias 112 aos que tivo acceso o diario El País. Nesa documentación recóllese unha manchea de incidencias e erros durante as primeiras horas do rescate.

Así, tardouse máis de dúas horas en activar o nivel de alerta 2, o acaído para un sinistro dadas as dimensións e características do de Angrois. A isto hai que engadir que, e sempre segundo a versión de El País, o camión de comunicacións (unha ponte de mando ou de control desde o que coordenar o operativo) demorou en chegar unha hora e 46 minutos. Durante ese tempo, o principal responsábel de coordenar o operativo tivo que facelo por teléfone móbil.

Helicópteros que non despegan

Mais a ringleira de despropósitos e de incidencias continúan. Así, ningún dos dous helicópteros que se quixo mobilizar desde o Servizo de Emerxencias para tomar parte no rescate (transladando sanitarios, por exemplo) chegou a despegar. Un pola néboa e outro por unha avaría.

Iso provocou que o persoal médico tivese que ser transportado por estrada, en ambulancia. E a isto engádese a tardanza en instalar os potentes focos de luz artificial que se utilizan en catástrofes e incidencias nocturnas para facilitar o traballo dos profesionais.

Aliás, non hobou un coordenador sanitario, abundou a descoordinación entre efectivos... Tan só a implicación da veciñanza e os profesionais paliaron o acontecido.

Cantos ían a bordo?

Testemuñas do rescate e profesionais que participaron no operativo relatan ao xornal madrileño que tardaron máis de 30 minutos en que desde ADIF se lles informase do número exacto de persoas que viaxaban no tren sinistrado, un tempo "longo de máis".

Comentarios