Auria Vinum fai de Ourense a capital da cultura milenaria do viño

O I Salón e Túnel do Viño pon o broche de ouro a unha aposta por promocionar e dar a coñecer a gran riqueza dos caldos que se fan na provincia
Foto: Turismo de Ourense
photo_camera Foto: Turismo de Ourense

Quen vexa no viño unha simple bebida sen máis non poderá disfrutar do que realmente é: Unha porta para estimular os cinco sentidos e para gorentar toda unha cultura arredor deste produto. Beber un viño, sabíao Álvaro Cunqueiro, é meter na boca para disfrutar con lingua e padal a historia dun pobo. E o I Salón e Túnel do Viño de Ourense, que decorre no Museo Municipal, é a oportunidade de disfrutar, marabillarse e coñecer un universo de sabores, texturas e aromas a través dos viños da provincia.

Auria Vinum naceu do impulso e compromiso da Asociación Galega de Viticultura (AGV), Federación Rural Galega (Fruga) a Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) e o apoio do Concello ourensán. Alén doutras actividades, na cita no Museo, o éxito foi considerábel. Tan só por 5 euros, as e os asistentes puideron degustar a calidade e o sabor dun amplo abano de viños da Galiza. E, alén diso, as e os que quixeron tamén puideron participar nunha cata de maridaxe dos viños das 4 Denominacións de Orixe que hai en Ourense, actividade dirixida por Javier González, chef do restaurante Rexidora e integrante de Grupo Nove, na vangarda da cociña galega. Trinta adegas tomaron parte no Túnel do Viño: das DO de Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras, mais tamén de Rías Baixas ou da IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria.

Namorarse dun sabor e dunha Terra

Os organizadores tiñan claro que con esta actividade o que procuraban era "presentar a todos os amantes do viño as elaboracións que devolven a Galiza e a Ourense ao lugar onde lle corresponde neste universo do viño, que non é outro que o duns viños de autentica calidade en Europa, e por tanto, no mundo. Proxectar ao consumidor, neste difícil mercado do viño, a nobreza de viños fieis á súa herdanza histórica e aos seus terroirs diferenciados: riqueza de matices, castes, paisaxes, tradicións e culturas".

Mais tamén Auria Vinum quería "redescubrir as nosas castes, as raíñas como a Albariña, Brancellao, Godello, Mencía Treixadura e Sousón, princesas distinguidas como a Loureira, Merenzao, Caiños tintos e brancos, Espadeiros e as cincentas que se vestirán de longo como a Branca Lexítima ou o Pedral".

Irmandade Galega de Adegueiros

Mais o saábado tamén houbo outros puntos, e tamén en Ourense, onde a maridaxe de viño e país foron protagonistas. Foi en Ribadavia, co nacemento da Irmandade Galega de Adegueiros. Un compromiso cun produto, o viño, e un idioma, o galego, nun colectivo, o dos adegueiros e adegueiras, cada vez máis comprometido coa língua. Así, se en 2003 había ao pé de 12 adegas etiquetando en galego; nove anos despois, o número incrementouse e hoxe son preto de 200.

Comentarios