Audiencia Nacional imputa Carlos Calvo nun caso de 2011 que fora pechado por falta de probas

A fiscalía pon así en risco a liberdade condicional solicitada pola defensa perante a "manifesta falta de probas" na súa contra. Calvo fica desde setembro de 2012 clasificado en réxime FIES-3 e suxeito á dispersión. Foi procesado por un delito de "pertenza a organización terrorista" e outro de "tenza de explosivos"
photo_camera [Carlos Calvo nunha foto de arquivo]


A fiscalía da Audiencia Nacional española vén de "espertar sorpresivamente" un procedemento que leva anos pechado ao ficar esgotadas as investigacións e non ter autoría coñecida, tal e como recoñece o informe policial xuntado ao sumario polo que o galego Carlos Calvo leva seis meses en prisión preventiva. A defensa de Calvo interpreta esta manobra como "unha tentativa de impedir a liberdade condicional" do independentista galego, que fora reclamada achegando até 50 documentos que demostran o fondo arraigamento social de que goza na Galiza.

Así as cousas, o informe da policía española respecto aos feitos de 2011 relata como o xornalista foi investigado en relación á acción rexistrada en outubro dese ano en Vigo, consistente na colocación dun artefacto explosivo nun caixeiro da entidade Novacaixagalicia situado no barrio de Bouzas e que os Tedax fixeron estourar de maneira controlada e non causou danos. Con todo, relata tamén como non se achou proba algunha contra o independentista, motivo polo cal non chegou a ser prendido. O subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Delfín Fernández, atribuíra os feitos a "esto que chaman Resistencia Galega".

Detido en setembro de 2012 e sen antecedentes 

Cando si prenderon Carlos Calvo foi en setembro de 2012, nun operativo policial en que tamén detiveron Xurxo R. Olveira, Héctor Naya 'Koala' e Diego Santín Montero. Os dous últimos están xa en liberdade condicional. Volvendo ao caso concreto de Calvo, en aplicación da lei antiterrorista, foi suxeito á dispersión e clasificado en réxime FIES. Foi procesado por un delito de "pertenza" e outro de "tenza de explosivos".

Porén, o avogado da defensa, Benet Salellas, presentou recurso para reclamar a inmediata posta en liberdade do xornalista galego perante "a manifesta falta de probas" de que adoecen as acusacións que hai na súa contra: "unhas vixilancias da Garda civil en que din que viron, cando os pararon no carro que din que lles atoparon... o que xa tiñamos en setembro. Non hai ningún indicio nin ningunha proba nova", explicou Salellas.

Catro tomos de sumario sen "indicios suficientes" para vinculalo con "organización terrorista"

Acrecentou que en todo o sumario, de catro tomos, non hai indicios dabondo para vincular Carlos Calvo cunha suposta "organizacións terrorista" que estaría a actuar no País e cómpre lembrar que non hai tampouco ningunha sentenza firme que acredite que tal organización existe na Galiza. Após retomar a fiscalía aquel procesamento pechado, o preso independentista foi imputado nestes días tamén pola acción no caixeiro de Vigo após declarar perante a Audiencia Nacional sen estar o seu avogado presente.

Carlos Calvo foi avisado o día antes á última hora do serán. Esta maneira de proceder "non é regular e en calquera outro xulgado do Estado tería suposto a anulación, mais na Audiencia Nacional as cousas funcionan así". Malia a cambadela da fiscalía, o letrado confía en que non interfira na posta en liberdade de Calvo pois, como recorda, "non está preso polos dous sumarios, senón só por un".

Comentarios