A Audiencia da Coruña levanta a imputación ao Consello de Administración de Adif

Após deixar sen efecto a imputación dos cinco técnicos a pasada segunda feira, o tribunal revoga tamén a dos presidentes e demais membros do Consello de administración de Adif que foran chamados polo xuíz instrutor do caso en calidade de imputados.

Este último auto feito público pola Audiencia provincial da Coruña deixa sen imputacións a Adif. O xuíz instrutor do caso, Luís Aláez, chamara a declarar en calidade de imputados aos ex-presidentes do Consello de administración desde 2011 e demais responsábeis de Adif que tiveran a ver coa decisión de omitir o sistema de freado ERTMS no Alvia sinistrado o pasado 24 de xullo. 

Porén, e após resolver o recurso de apelación presentado por un dos imputados --e que se fai extensíbel aos outros 22 directivos-- a Audiencia da Coruña revogou o auto emitido previamente e deixa sen efecto as imputacións. 

Con este auto, a Audiencia provincial revoga as imputacións dos 22 cargos de Adif  e deixa só ao maquinista

Ao igual que no auto emitido a pasada segunda feira en relación cos cinco técnicos, a Audiencia provincial considera que "non bastaría" co feito de "desenvolver cometidos en materia de seguridade" para lles atribuíren a condición de imputados. Neste senso, o tribunal considera que a argumentación empregada polo xuíz Aláez é insuficiente e mesmo "prematura" polo que revoga o fallo emitido o pasado mes de setembro. 

Con este último auto fican levantadas as imputacións a Adif incluída a que atinxía ao actual presidente da xestora, Gonzalo Ferre. 

As vítimas agrupadas na Asociación de Afectad@s polo sinistro xa expresou a súa "perplexidade" após coñecer o fallo. O seu presidente di que, embora respectar a decisión, non comprenden o contido do auto e aseguran que as imputacións dos directivos de Adif contribuían a "esclarecer" o acontecido no accidente mais tamén, "a evitar que volva acontecer". 

Comentarios