A Audiencia deixa sen efeito as imputacións aos responsábeis de seguridade de Adif por Angrois

O tribunal alega no auto que a instrución non argumenta de maneira suficiente que a carencia do sistema de freado europeo (ERTMS) constitúa "unha infracción normativa aplicábel" e entende que a imputación dos técnicos foi "prematura" e "carente de base suficiente". O auto emitido pola Audiencia é firme polo que non cabe recurso algún.

Tren, angrois

A imputación dos cinco técnicos de Adif imputados polo xuíz instrutor, Luis Aláez, con motivo da investigación en curso arredor do accidente de tren acontecido na curva de Angrois o pasado 24 de xullo, ficou esta segunda feira sen efecto. 

A decisión adoptada pola sala sexta da Audiencia provincial da Coruña vén a desdicir o auto emitido polo Xulgado de instrución número 3 de Compostela e que apuntou aos técnicos como "potenciais responsábeis" dun delito imprudente no sinistro do Alvia.

Ficaría agora por resolver o recurso contra a imputación da cúpula directiva do ADIF, tamén decretada polo xuíz Luis Aláez.

A base argumental empregada esta segunda feira pola Audiencia convida a pensar que este tribunal tamén fallará a favor do ADIF no recurso pendente, o cal deixaría o maquinista como único imputado.

"O feito de desenvolver cometidos en materia de seguridade" dentro de Adif  "non bastaría" para imputalos

Segundo o auto publicado esta segunda feira e con data do 31 de outubro resolve os recursos de apelación presentados polos cinco técnicos de Adif e considera que "o feito de desenvolver cometidos en materia de seguridade" dentro de Adif "non bastaría" para que aos cinco directivos lles sexa atribuída a condición de imputados. 

Segundo o auto xudicial "todo accidente implica" un fallo no "deseño" ou "aplicación" dos sistemas de seguridade polo cal este argumento non serve --ao entender da Audiencia provincial-- para atribuír responsabilidades aos técnicos de Adif. Aliás, lembra o auto, "a gravidade do feito investigado" e a "magnitude da traxedia" exixe dunha investigación exhaustiva mais, sinala, "non un estudo científico ou académico". 

Un erro no sistema de seguridade non os torna responsábeis segundo a Audiencia

Neste senso, desde a Audiencia provincial entenden que embora existir un erro no sistema de seguridade este feito "non determina a necesidade de que as persoas con responsabilidade" na devandita materia se tornen imputadas.

A Audiencia provincial sinala o maquinista como responsábel do accidente e subliña a súa "actuación neglixente"

Asemade, a sala sexta do penal considera que os argumentos empregados polo xuíz Aláez --instrutor do caso-- e que parten da premisa de existir unha "peculiar perigosidade do tramo" carece "de base fáctica suficiente" para imputar aos responsábeis de seguridade de Adif ao non existir delito penal, "no mero feito obxectivo" de se ter producido un accidente de circulación que "pola súa propia natureza" leva "implícito o risco de lesión" das persoas e mercadorías que transporta o vehículo, neste caso, o Alvia sinistrado na curva da Grandeira.  

No entanto, sinalan desde A Coruña, o erro cometido polo maquinista constitúe unha "actuación neglixente" e polo tanto puníbel.

Tamén así, desde a Audiencia provincial aseguran que as consideracións sob as que se alicerzan as imputacións recorridas e que pon en cuestión a sinalización do propio trazado da vía non suporía unha vulneración normativa ao non se apreciaren irregularidades que "poidan ter relación causal co accidente". De maneira que, conclúe, a imputación resulta "prematura" e "carente de base suficiente". 

Comentarios