mércores 22.01.2020

A Asociación Monte Pindo denuncia a "neglixencia" da Xunta face as consecuencias das primeiras choivas

As choivas dos últimos días están a arrastrar cinza e lodos contaminantes desde o Pindo. Desde o Concello e a asociación alertan das consecuencias ecolóxicas destes arrastres quer para o monte, quer para o sector pesqueiro e marisqueiro. 

Palla
Palla

Denuncian "a irresponsabilidade" e "neglixencia" da Xunta de Galiza por non teren en conta as demandas expresada polo Concello de Carnota e a Asocición Monte Pindo. Neste senso, critican a actitude do conselleiro de Territorio, Agustín Hernández, por non se reunir co movemento veciñal e as autoridades locais. "Hai un mes a Asociación Monte Pindo pediulle a Hernández unha reunión de urxencia", denuncian, mais o responsábel de Territorio aínda non se reuniu co [email protected] 

"Caso omiso" ás alertas da veciñanza e o Concello

Aliás, explican, "a Asociación Monte Pindo levaba avisando desde o día cero da catástrofe que vivimos a partir do 11 de setembro" dos riscos ecolóxicos das primeiras tormetas. "O domingo o río e a enseada do Ézaro xa comezaba a adquirir un surrealista tono marrón chocolateado debido ao comezo de arrastres das cinzas e terras que a chuiva está xa a desprender das ladeiras", indican desde a Asociación. Neste senso, urxen á Xunta a adoptar as medidas precisas para mitigar os danos tanto na perda de nutrientes do solo como das consecuencias que os lodos poidan ocasionar no sector pesqueiro e marisqueiro. 

Así mesmo, lamentan que o goberno galego fixese "caso omiso" das recomendacións achegadas para afrontar a chegada das chuvias agás "o punto 4" no que emprazaban a estabilizar o chan "mediante a distribución de palla". O procedemento coñecido como acolchoamento vexetal foi promovido pola Xunta de Galiza mais, denuncian desde a Asociación Monte Pindo, foi lanzado "desde un helicóptero privado" sobre "4 das 2.500 hectáreas arrasadas polo lume, o 0,16% da superficie". 

O "paripé" do acolchoado vexetal

Para o concello e o movemento ecoloxista esta medida "só se trataba dun espectacular paripé na busca do titular" pola zona "tratada" non apareceu, din, "ninguén para extender a palla" e "para colmo", critican, "non se lle avisou a ninguén, nin sequera ao concello e ás forzas de seguridade para que puidesen acordonar cando menos as zonas de carga e descarga e evitar o risco de que alguén resultara ferido". 

Desde a asociación instan a Xunta a aceptar como interlocutor o Concello de Carnota e o cesamento do que entenden como "unha actitude de desprezo aos veciños". Aliás, denucian, o comportamento "irresponsábel" e "neglixente" está a ter unhas "funestas consecuencias" ecolóxicas. 

A Asociación Monte Pindo denuncia a "neglixencia" da Xunta face as consecuencias das...
comentarios