DA GALIZA DOS JOSéS E MARíAS á DE HUGOS E SARAS.

Así nos chamabamos @s galeg@s hai un século e así nos chamamos

Cambiaron, e non poucos, os nomes máis frecuentes d@s galeg@s ao longo destas nove décadas. Unha ferramenta do IGE permite coñecer a evolución das denominacións máis comúns da poboación segundo década de nacemento e comarca.

abó neto

Nas décadas previas a 1930, os cinco nomes máis comúns nos galegos eran José, Manuel, Antonio, Jesús e Francisco. Clásicos onde os haxa. Igual que os cinco nomes máis frecuentes para as galegas nadas nese mesmo período: María, Carmen, Josefa, Dolores e Manuela. Raro será o que non teña avó ou avoa con algunha desas denominacións. Na web do Instituto Galego de Estatística (IGE) ofrecen un servizo para consultar os nomes máis comúns na poboación galega por décadas, permitindo unha procura onomástica que, ademais de a nivel nacional, tamén se pode facer por comarcas.

Se damos un chimpo até a década dos 50, observamos que hai algúns cambios nos nomes a respecto dos que se poñían tres décadas antes. Os 5 máis frecuentes cos que se bautizaba aos nenos nos cincuenta foron Manuel, José, José Manuel, Antonio e José Luis. Aparecen logo os nomes compostos. Entre as nenas, María del Carmen, Mari Carmen, Carmen, María e Josefa como os máis populares. María, Carmen e as súas combinacións copan o podio.

Até a década dos 80 non aparecen e moi, moi timidamente, nomes ‘propios’ da Galiza. E, nun principio, só para elas. Un exemplo: Iria.

Viaxamos agora até os 80, década actualmente de moda no imaxinario ‘retro’. Que nos deixou aquela modernidade ou post-modernidade? Pois no que atinxe a nomes, un cambio ben claro. Nas mulleres entran nos cinco primeiros postos catro nomes que non abundaban até agora: Cristina, Patricia, Laura e Lucía. Iso si, o máis común na Galiza para chamar á crianza seguía a ser un clásico, María. Ademais, e por primeira vez, aparece na listaxe, se ben moi timidamente, un nome ‘propiamente’ galego: Iria. E faino nun discretiño posto 20.

E eles, que? Pois os 5 nomes máis frecuentes para lle poñer a un neno na década dos 80 foron David, Pablo, Javier, Diego e Daniel. Gostaban as D, polo que se ve. Ningún destes 5 nomes estaba entre os máis comúns nas décadas anteriores.

Cambio de século (e de nomes)

Chega o século XXI e que nome lle poñermos os e as galegas aos que nacen neste recuncho de Europa? Pois para eles escollemos Pablo, Alejandro, Daniel, Adrián e David. Entran na listaxe dos 30 nomes máis populares formas ‘diferenciais’ e propias galegas: Brais (posto 9º), Iago (15º) e Anxo (26º). Para elas, os nomes máis postos foron Lucía, Paula, Laura, María e Sara. Uxía (o 10º nome máis frecuente entre as nadas nesa década), Antía (12º), Iria (15º) e Sabela (22º) amosan que son anos nos que existe un certo pulo das ‘formas propias’.

Na actualidade, os nomes máis frecuentes para crianzas en Galiza coinciden cos máis frecuentes no Estado. Algo que non acontece en Euskal Herria e Catalunya, onde optan polos ‘propios’

E no que levamos da década actual? Hugo, Mateo, Pablo, Martín e Daniel conforman o podio de 5 nomes máis frecuentes para lles poñer aos nados nestes anos. Brais (13º), Iago (14º), Anxo (18º), Antón (22º) e Xoel (25ª) están entre as 30 formas máis utilizadas para chamar os nenos. Nelas, gaña Sara, seguida de Noa, Lucía, Daniela e Carla. As formas ‘propias’ tamén teñen a súa presenza entre os 20 nomes máis populares nestes anos: Antía (12), Uxía (13), Iria (15) e Sabela (16).

Nestes anos nomes como Hugo, Pablo, Noa ou Sara tamén estiveron entre os preferidos no Estado español. Non así en Euskal Herria e Catalunya, onde a aposta na onomástica de seu é absoluta. Entre @s vascos os nomes máis frecuentes nestes anos para neno son Markel, Jon, Unai e Oier. Para nenas optan por Ane, June, Irati, Uxue ou Nahia. Os habitantes de Catalunya, no que vai desta década, escolleron nomes como Marc, Pol, Álex u Eric (para neno) e Martina, Júlia, Laia ou Paula (para nena).

Diferenzas por comarcas? Agora si

Comparamos os nomes máis frecuentes en dúas comarcas, unha urbana e costeira (Vigo), e outra do interior e rural, A Limia. Apenas hai diferenzas entre ambas as dúas respecto dos nomes que na década anterior dos 30 do século XX se poñían aos nenos. Comproben: en Vigo: José, Manuel, Antonio, Francisco e Jesús eran os 5 máis frecuentes. Na Limia: José, Manuel, Antonio, Francisco e Benito. Ou sexa, coinciden os catro nomes máis frecuentes na comarca viguesa e na da Limia. Só hai cambios no quinto máis común, Jesús preferiron os vigueses polo Benito do que gostaron os limiás.

No que se refire ás nenas nadas naquela época, máis do mesmo. Os nomes elexidos para poñer ás que nacían na comarca de Vigo na década anterior aos 30 foron Carme, María, Dolores, Josefa e María del Carmen. E na Limia, María, Carmen, Josefa e Dolores. Idénticos. 

Na década dos 30 nas comarcas de Vigo e da Limia poñíanse os mesmos nomes aos nenos. Na actualidade non acontece iso.

Mantense hoxe esa igualdade, esa sintonía na elección dos nomes que se lle pon aos nenos e nenas en ambas as dúas comarcas? Pois non tanto. As preferencias e gostos son diferentes, algo que se nota sobre todo nos nenos. Os cinco nomes máis frecuentes na comarca de Vigo para lle poñer aos nenos na década en curso son Hugo, Martín, Mateo, Nicolás e Pablo. Na da Limia tamén Hugo ocupa o primeiro posto, mais seguido de Iker -que na de Vigo non aparece entre os 30 máis usados, Anxo, Álex e Xoel. Dous nomes ‘propios’, por dicilo así, en galego (Anxo e Xoel) entre os 5 máis frecuentes nesta comarca ourensá. Algo, nomes ‘galegos’, que non se atopa en Vigo, nin sequera entre os 30 máis populares.

Na comarca viguesa nestes anos os nomes preferidos para lle poñer ás nenas foron Noa, Lucía, Sara, Sofía e Daniela. Na Limia, Lucía, Noa, Uxía, Carla e María. Hai aquí maior afinidade (Noa e Lucía aparecen en ambas as dúas comarcas).

A ferramenta do IGE permite procurar os nomes en todas as comarcas de Galiza desde o período anterior á década dos 30 do século XX até a actualidade. Un convite a coñecer a través dos nomes propios unha parte da nosa propia historia. 

Comentarios