A asemblea de persoal ratificou o preacordo asinado esta madrugada que porá fin á folga de Lugo

O acordo da empresa Urbaser e os representantes dos traballadores asinado por volta das seis da mañá pon fin a sesenta días de folga. O cadro de persoal aprobou por unanimidade desconvocar a folga e apoiar a proposta. 

Urbaser
photo_camera Urbaser

O fin da folga do lixo en Lugo pode estar a piques de chega ao seu fin apósde sesenta días de paro. Así o ratificou esta quinta feira o cadro de persoal da concesionaria que acordou por unanimidade desconvocar a folga e apoiar o preacordo asinado polo comité de folga e a empresa. 

No preacordo recóllese o convenio colectivo para catro anos, a subida salarial e anúlase o despido dos membros do comité de folga aínda que serán sancionados con 50 días sen emprego e soldo.  

Aprobouse unha suba de salario do 60% do ICP do ano, o pagamento dunha nova paga extra que será de 450 euros en 2017 cunha suba desde os 100 este ano. A concesionaria estima que a fins da semana que vén a cidade volverá á normalidade. 

Asemade, Urbaser comprométese a readmitir o persoal despedido e a retirar as sancións interpostas a boa parte do cadro, agás as 11 persoas que integran o comité de folga que serán punidas con 50 días de emprego e soldo. 

O levantamento da folga prodúcese poucos días antes de se cumpriren dous meses de loita e de duros enfrontamentos entre @s operari@s e a empresa concesionaria da recollida do lixo, tamén co Concello de Lugo. 

O grupo municipal do Bloque parabeniza o persoal

Desde o Bloque Nacionalista Galego a concelleira, Paz Abraira, amosou a súa satisfacción pola resolución do conflito entre o cadro de persoal e a concesionaria da recollida do lixo. "O BNG sempre dixo que a única saída posible a este conflito sería unha saída negociada entre a empresa e os traballadores", salientou Abraira quen tamén parabenizou o "civismo dos lucenses" e a "unidade" da asemblea de traballadoras e traballadores como parte fundamental para a desconvocatoria da folga.

Esta forza política foi a única que se posicionou durante os perto de dous meses que se prolongou a loita. Nen o PP, nen o PSOE interviron para procurar unha saída á confrontación. Neste senso, a fronte nacionalista bateu contra a actitude do concello de Lugo e, nomeadamente, contra o alcalde, López Orozco de quen dixo, "non foi capaz de adoptar medidas que fixeran fronte a Urbaser en ningún momento". 

A edil nacionalista enfronta, no persoal, tamén as consecuencias do apoio amosado polo seu grupo durante a greve. E é que Paz Abraira foi denunciada pola policía no decorrer dunha mobilización da que fixo parte en solidariedade e apoio ao cadro de persoal de Urbaser. A concelleira terá que facer fronte a xuízo de faltas por tomar fotografías durante unha manifestación na que foi identificada polos axentes. 

Comentarios