As vítimas das preferentes rexeitan perder case a metade dos seus cartos

Será con toda posibilidade hoxe cando as vítimas das preferentes coñezan a quita que se lle marcará para as súas accións que se estima entre o 40 e o 60%. Segundo o minitro De Guindos terán que aceptar o canxe dos seus cartos por accións para as que, segundo sinalou, se buscarán as canles para a súa liquidez. As vítimas das preferentes rexeitan calquera quita que lles faga perder a totalidade dos seus cartos.
Afectad@s das preferentes protestando ás portas do mitin do PP en Pontevedra
photo_camera Afectad@s das preferentes protestando ás portas do mitin do PP en Pontevedra

Na manifestación nacional deste sábado en Lugo a mensaxe quedaba clara. As vítimas das preferentes non aceptarán ningunha solución que non pase pola recuperación íntegra dos seus cartos. As vítimas coñecerán hoxe a quita que se lle ten previsto aplicar mais o ministro De Guindos anunciou xa onte que “os tenedores de instrumentos híbridos van recuperar un 60% dos seus cartos” mais terán que asumir o canxe por accións, en principio non recuperábeis, mais, segundo dixo, para as que se buscarán vías que permitan aos seus propietarios convertelas en cartos líquidos. Cóntase con que a quita pode andar entre o 40 e 0 50%. O proceso desenvolverase, segundo o ministro, cando a entidade estea “saneada”.

Desaparición do sistema financieiro galego

 A valoración en negativo de máis de tres mil millóns de euros deixa un panorama difícil para o sistema financieiro galego. Algúns expertos indican a dificultade de NCG Banco para continuar en solitario ao tempo que alertan sobre as crises derivadas que a situación produce. Mália a súa intervención pública diante da comisión de Economía do Congreso, De Guindos non adiantou nada sobre o futuro de NCG Banco.

 En primeiro lugar, está en cuestión o futuro da obra social que, polo de pronto, quedará sen financiamento e para o que De Guindos anunciou a busca de novas vías para o seu mantenimento.

 Queda tamén no aire a repercusión que o novo panorama terá no cadro laboral do que eran as caixas galegas e mesmo no mapa de oficinas do país, o que pode mermar en grande medida tanto o número de postos de traballo como de concellos que queden sen sucursais.

Ademais desta situación, a perda de cartos de milleiros de vítimas das preferentes así como os investimentos de 70 millóns dos empresarios que capitalizaran a entidade supón unha perda histórica para o aforro galego. Serán os seus cartos que cubran as perdas da entidade.

As vítimas das preferentes denunciaron que teñan que ser elas as que asuman as perdas do banco e anunciaron que non aceptarán outra solución que non sexa o cobro íntegro dos seus cartos.

Comentarios