As solicitudes de adopción internacional descenden nun ano máis dun 30% pola crise

As solicitudes de adopción internacional descenderon arredor dun 30% no pasado ano. Os efectos da crise económica na demografía déixanse ver na diminución de nacementos, no incremento da emigración e, tamén, na redución do número de adopcións de nenas e nenos. 

adopcions internacionais diminuíron pola crise
photo_camera adopcions internacionais diminuíron pola crise

No ano 2012 presentáronse na Xunta de Galiza 199 solicitudes de adopción internacional, fronte ás 302 do ano anterior. A notábel diminución é, sen dúbida, consecuencia da crise económica, que mingua a posibilidade de emprender os procesos de adopcións a moitas persoas, tanto por non ter as condicións laborais requeridas como polos custes que ocasionan quer os trámites quer as viaxes. 

O número maior de solicitudes desde o inicio do novo milenio corresponde ao 2004, con 683. A partir de aí, a cifra iría descendendo até topar co mínimo de 2012 no que só se presentaron 199 solicitudes, é dicir, menos da terza parte do que hai oito anos. A Coruña con 104 foi a provincia onde se consignaron maior número de solicitudes no pasado ano, fronte ás 13 de Ourense. Pontevedra con 62 e Lugo con 20 completan o total de demandas do 2012.

Desta maneira, as preasignacións comunicadas á Xunta o pasado ano foron 136, fronte ás 168 do ano anterior ou as 289 do 2010. A diferenza por provincias marca unha fenda máis desde as 77 preasignacións da Coruña ás 5 de Ourense ou ás 11 de Lugo. 

Nos últimos doce anos tramitáronse 2615 expedientes de adopción internacional por parte das ECAI acreditadas en Galiza. Neste período, Etiopía foi, con diferencia, o país nos que máis adopcións se realizaron con 825, seguida de China con 709, Colombia con 444 e Vietnam con 229. 

En adopcións no ámbito do Estado Español, en 2012 realizáronse 49 fronte ás 70 do 2000. Desde o 2007 a diminución vén sendo continuada. 

Os dados afondan na crise demográfica e se suman aos que en pasados días vén de facer público o INE que falan dun saldo negativo de 10.000 persoas. No pasado ano naceron en Galiza 21.113 crianzas fronte ao ano anterior que viñeran ao mundo 21.594. As defuncións foron 31.161, un número moi superior aos 29.879 do 2011.

Comentarios