As plataformas de preferentistas convocan unha manifestación o 25 con remate na casa do presidente da Xunta

O 25 de maio as Plataformas de Afectad@s por Preferentes volven a Compostela para participar nunha manifestación que sairá ás 11.30 da Praza de Galiza e que ten previsto rematar diante da residencia do presidente da Xunta, en Montepío. 

A "paixón" das preferentes
photo_camera A "paixón" das preferentes

 “O goberno do PP rouba aos aforradores para rescatar á banca. Devolución do 100% do aforro” é o lema da manifestación que rematará o próximo día 25 diante da casa do presidente da Xunta, en Montepío, e saíra da Praza de Galiza ás 11.30 horas, convocada polas Plataformas de Afectad@s Plataformas de Afectad@s por Preferentes e subordinadas de toda Galiza. 

As plataformas, nas que se organizan 60.000 familias afectadas pola fraude consideran a mobilización de especial relevancia xa que, ao seu ver, se atopan nun “momento crucial”para as súas reclamacións. “O Goberno Central, tras ter legalizado a estafa, ten intención de impoñer as quitas e os canxes, sen que teñan concretado ate o momento cando teñen intención de efectivizalas, decisión que está en mans do Ministerio de Economía a través do FROB” destacan.

Devolución da totalidade dos cartos 

As reclamacións das plataformas constituídas polas vítimas das preferentes e subordinadas continúan a reclamar que se deixen sen efecto as quitas, que non se apliquen as canxes e que se arbitre un mecanismo extraxudicial e aplicábel a todos os casos que posibilite a devolución da totalidade dos cartos. 

Cunha xa prolongada loita na que as vítimas non deixaron de reclamar os seus dereitos protagonizando centos de actos de protesta, chaman  polo apoio de organizacións políticas, sindicais, plataformas cidadás, movementos sociais e a cidadanía en xeral . A presenza de mobilizacións de preferentistas está a facer modificar a axenda do presidente da Xunta, que desaparece cada vez que sospeita que pode haber unha protesta, como aconteceu recentemente en Vigo ou Santiago onde, malia estar prevista a súa asistencia, o presidente nunca chegou. 

Comentarios