AS-PG súmase ao 25X: "Non somos neutrais en nada que teña a ver coa nación galega"

Asociación Socio-Pedagóxica Galega fai un  chamamento a "sumar todas as vontades" para celebrar e partillar o "entusiasmo" de defender Galiza.

Xoán Costa, AS-PG
photo_camera Xoán Costa, AS-PG

Seguen a chegar adhesións á mobilización unitaria deste 25 de xullo, marcha que decorrerá Compostela a partir das 12:00 son a palabra de orde 'A Nación Galega'. Non só organizacións políticas e sindicais partillan a manifestación, senón que colectivos e entidades sociais dan o paso de apoiar e adherir a esta convocatoria. Unha delas, a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), que nun comunicado anunciou que apoia os actos deste 25 de xullo.

A AS-PG afirma que non estar vinculada a ningún grupo político e non participar directamente na acción política non implica unha neutralidade mal entendida en todo o que atinxa Galiza. Por iso, sinalan, apoian a mobilización. Facendo especial fincapé nas reformas "e máis reformas no sistema educativo, e non só, que afastaron cada vez máis a pretensión dun sistema educativo propio, enraizado na nosa realidade e aberto á lingua e á cultura de noso".

Por iso, explican, a idea recollida no Manifesto pola Unidade “afrontamos unha recentralización que nos prexudica, dificulta a supervivencia de empresas e traballo e pretende liquidar sectores produtivos enteiros, ao tempo que conduce á desaparición da nosa lingua e cultura” enlaza directamente con aquel lema fundacional. A AS-PG non está vinculada con ningún grupo político, tampouco participa directamente na acción política mais, obviamente, non somos neutrais, nin queremos parecer, en nada que teña a ver coa Nación Galega.

Coordinadora de Plataformas de afectad@s polas preferentes

A Coordinadora de Plataformas de afectad@s polas preferentes e subordinadas en Galiza apoia a manifestación unitaria que se vai celebrar o 25 de xullo en Santiago para demandar e defender os dereitos de Galiza como Nación. 

Federación Galiza Cultura

A Federación Galiza Culturainforma nun comunicado que apoia a decisión "dun grupo de cidadáns que lanzou a iniciativa dun Día da Patria aberto e unitario" e que se suman a esta mobilización.

Comentarios