As perguntas que ten de contestar Feijóo

Hoxe é o día. Hoxe comparece Feijóo (10 horas) no Parlamento de Galiza para explicar a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado. Farao sen retransmisión televisiva en directo, toda unha declaración de intencións do aparato de propaganda gobernamental. Feijóo ten millenta perguntas que contestar. Sobre todo, unha: se en 2003 presentou a súa demisión a Fraga, por que se resiste a demitir agora?

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

É unha comparecencia que será peneirada a vontade polo aparato público de comunicación ás ordes de Monte Pío. Contra toda lóxica, a TVG non retransmitirá ao vivo a intervención de Feijóo nen o debate posterior cos portavoces dos grupos da oposición. Transparencia, si, mais a xusta, máis na liña pantalla de plasma que na dunha democracia avanzada.

Porén, redes sociais e modestamente meios como Sermos Galiza tentarán achegar todos os pormenores do desenvolvimento da comparecencia presidencial. As chaves. As perguntas. As respostas.

As perguntas, si. As que aínda non deu resposta satisfactoria Feijóo desde que estourou o escándalo, desde que El País fixo emerxer as súas xa lendarias fotografías en compaña do narcotraficante Marcial Dorado.

Cuestións para Feijóo

Como é posíbel que o número dous da consellería de Sanidade mantivese unha relación de estreita amizade durante anos cunha persoa que atentaba contra a saúde das persoas?

Sanidade contratou algunha das empresas das que Dorado era titular formal ou informalmente durante a etapa de xestión de Feijóo?

No Parlamento Feijóo terá de se axustar a unha única versión dos feitos

Por que se viu impelido en 2003 a apresentarlle a súa demisión a Fraga? Por que Fraga non lla aceitou? Por que agora, unha década despois, Feijóo se resiste a demitir, cando na teoría é a máxima autoridade política en Galiza e non ten a ninguén por enriba que rexeite a súa renuncia?

Que lle dixo Rajoy en 2004 cando lle mostrou as fotografías?

Feijóo tamén terá de axustarse a unha única versión dos feitos. Coñecía ou non as actividades delictivas de Dorado? Se as coñecía, por que agardou a saber que Dorado tiña causas pendentes coa xustiza para cortar a súa relación? Cando a cortou realmente? En 1998 como dixo en primeira instancia ou no período 2001-2003? No século XXI limitouse a realizar algunha chamada episódica ao narco ou se viron fisicamente?

E cantas viaxes fixeron xuntos? E quen as pagou?

Feijóo ten dito que non lembra quen as pagaba. Puy ten dito que Dorado nin sequera era amigo de Feijóo. Que en realidade Feijóo era amigo dun amigo de Dorado. Se iso é certo, como é concebíbel que Feijóo permitise que unha persoa envolvida en casos de narcotráfico e que, segundo o seu portavoz parlamentar di, nen sequera era seu amigo, lle pagase as súas viaxes.

E unha pergunta máis: se non eran amigos, que explica que Feijóo pasase o Ano Ano en Cascais co narcotraficante?

Comentarios