As mulleres queimadas en Ames foron agredidas por dous inquilinos que lle debían o alugueiro

Após interrogar a ex parella dunha delas, contra quen había ditada unha orde de afastamento por malos tratos, a policía desbotou que se trate de máis un caso de violencia machista pois o home informou con exactitude sobre o seu paradoiro no momento dos feitos


A garda civil prendeu dous homes como autores da agresión a dúas mulleres de Bertamiráns, nai e filla, de 61 e 87 anos. Após interrogar a ex parella da máis nova ao apuntar a investigación cara a máis un caso de violencia machista, a hipótese quedou descartada, pois o home declarou con exactitude onde se atopaba no momento dos feitos.

Segundo informou a Radio Galega nesta cuarta feira, os dous detidos son inquilinos das mulleres e ficaban a deber varios meses de alugueiro. Ao ir reclamarlles as mensualidades, un deles ameazounas con lles queimar a cara.

Segundo testemuñas veciñais, a agresión produciuse en plena rúa e por volta das dez da noite. Dous homes agardou por elas no portal do inmoble en que residían e, coa cara tapada por unha capucha, rociáronas con gasolina e prendéronlles lume. As dúas seguen ingresadas no hospital da Coruña e o seu prognóstico é reservado. As primeiras informacións da policía apuntaron cara á ex parella da muller máis nova, pois contra el había ditada xa unha orde de afastamento por malos tratos.

Comentarios