As fotos co narco deixan a Feijóo tocado na carreira sucesoria e benefician a Aguirre

Pode ser presidente do Goberno quen mantén unha estreita amizade aos 34 anos cun connotado contrabandista que co decorrer dos anos deviría nun dos principais capos da mafia do narcotráfico no Estado? Pode selo quen, alén diso, aínda non explicou por que non cesou a Pablo Crespo como representante da Xunta en Portos de Galicia? O aparato de propaganda de Monte Pío e a imprensa afín finxe que aquí non pasa nada, mais as fotos co narco deixan a Feijóo tocado na carreira sucesoria e fortalecen as opcións do sector de Esperanza Aguirre.

As amizades perigosas de Feijóo pódeno facer descarrilar da carreira sucesoria. Así o recoñecen en privado dirixentes do PP e analistas da dereita mediática. Rajoy ten un novo problema. Alén do sismo Bárcenas, é probábel que a estas alturas o seu delfín teña afogado nas turbulentas aguas da dereita estatal. Onte, na súa comparecencia perante a imprensa, Feijóo deixou sen contestar a pergunta chave. Se é certo que durante anos foi chantaxeado -amedrentado- por quen coñecía a existencia do material fotográfico co narco, por que se nega a revelar a identidade d@s chantaxistas? Non poucas voces dentro do Partido Popular, por suposto refuxiadas no anonimato, ven detrás da filtración á imprensa das fotografías a man do sector do partido que controla Esperanza Aguirre.

Se aplicamos a lóxica do cui prodest -quen se beneficia- está claro que Esperanza Aguirra é quen máis sae gañando coa hipotética queda de Feijóo. O aparato de Génova fica sen a súa mellor baza, a que aparecía até o de agora máis ou menos impoluta. O campión da austeridade e o gañador de dúas maiorías absolutas perfilábase como un bon cartaz eleitoral. As fotografías en bañador, con crema bronceadora nas costas, lentes escuros, e o narcotraficante en segundo plano, teñen un efeito devastador sobre o precandidato Feijóo.

As tribulacións de Feijóo enlean os cálculos de Rajoy. O presidente do Goberno estatal barallaba a hipótese dun cambio de goberno após o verán. Aí caerían Mato e Montoro, queimados nos últimos meses. Aí podería aterrar como vicepresidente Feijóo, para tentar surfear unha eventual recuperación económica no segundo semestre de 2013 e comezos de 2014. Suficiente quizá para disolver a cámara antes de que Catalunya convoque o seu referendo autodeterminista. Ese era o deseño de Génova. Candidato novo e españolismo en vea para tentar salvar os móbeis e gañar as eleccións.

Algúns dirixentes do PP até contemplan a hipótese de que o principal beneficiario da queda de Feijóo sexa o propio Rajoy, que ao final non tería máis "remedio" que se apresentar

Porén, non todos o ven así. Non todos en Génova estaban coa opción Feijóo. Persoas tamén próximas a Rajoy acubillan as súas propias ambicións. Cospedal. Sáenz de Santamaría. As relacións de Feijóo con Cospedal non son boas. Algunhas fontes especulan con que a filtración das fotos proceda non de Aguirre, senón da secretaria xeral do partido.

Dirixentes próximos a Rajoy tamén critican a excesiva exposición mediática de Feijóo. Aplauden o seu pronto comunicado (emitiuno na mesma noite do día en que se publicaron as fotografías co narco), mas aluden a que nas súas numerosas declaracións (a distintas emisoras, na conferencia de imprensa) incorreu en non poucas contradicións e manexou argumentos de moi escaso peso.

En todo caso, o sector do PP nucleado arredor de Esperanza Aguirre ten hoxe abondos motivos para se sentir satisfeito. Considera que fixo albo na diana. Eliminar a Feijóo sería gañar unha batalla, porén, non a guerra. Xa hai quen di que o principal beneficiario da hipotética queda de Feijóo sería ao cabo...o propio Rajoy!!!! Algúns dirixentes do PP contemplan o escenario de que Rajoy se acabe animando a presentarse en 2015, desprovisto de delfín e incapaz de se decidir entre Sáenz Santamaría, Cospedal ou Ruiz Gallardón.

Comentarios