As estreleiras alentan a vitoria do Deportivo, que sae do descenso

O segundo gol marcado por Nélson fixo estoupar Riazor. No partido das bandeiras, o trunfo do Deportivo convertiu o encontro nunha xornada memorábel. A cinco minutos de estar extendida a inmensa bandeira do tamaño dunha praza chegou tamén o agardado primeiro gol do Deportivo a Riazor. O trunfo dos branco-azuis, combinado coa derrota do Zaragoza perante o Athletic (1-2), deixa a equipa de Fernando Vázquez fóra do descenso.

Bandeiras en Riazor. Foto: GN A Coruña.
photo_camera Bandeiras en Riazor. Foto: GN A Coruña.

"Pódese" sentiuse en Riazor despois do segundo e festexado gol. Claro que se pode, nun campo ateigado de estreleiras e cun equipo capitaneado por Xesús Vázquez que saiu a gañar. Os Riazor Blues cantaban o Miudinho cando o segundo gol confirmaba o trunfo da xornada. O deportivismo gañaba no campo e nas bancadas nun partido memorábel. 

Na metade do encontro, unha inmensa bandeira con estrela despregárase nas bancadas, e, como comentaban entusiasmado nas gradas, foi como unha chamada a gol. O Deportivo marcou o tanto agardado e polo que viña loitando en toda a primeira parte a minutos de que a bandeira de tamaño dunha praza se extendese na man de siareir@s que partillaban da campaña de protesta polo impedimento de levar símbolos galegos ao campo. A xornada adivíñase feliz para o deportivismo. 

Centos de bandeiras estreleiras ondeaban no estadio de Riazor, a pouco de comezar o partido. De maneira máis notábel nos dous fondos, os símbolos galegos mostran a vontade da afección de responder ao impedimento de mostrar a nosa bandeira nos partidos. 

Despois da lembranza ao afeizoado que morreu en Valladolid, e aínda antes de dar comezo ao encontro, no momento de presentación das aliñacións, centos de bandeiras da patria ondeaban xa no campo do Riazor, en especial nos dous fondos, onde habitualmente se sitúa a xente máis nova. 

Bandeiras con estrelas mais tamén con vacas, coa serea ou coa lenda "Denantes mortos que escravos" deixáronse ver desde o inicio. Algunhas bandeiras locían unha estrela pintada a man, para dar conta da resposta á iniciativa que nestes días convocaba a través das redes a acodir ao campo do Deportivo para facer galega do símbolo nacional. 

A expectación viviuse dentro e fóra do campo. O Depor comezou atacando para evitar o descenso, do mesmo xeito que @s siareir@s botaron fóra as súas bandeiras para evitar a represión sobre os símbolos. 

 

A temperatura, sen embargo, cando xa case se chegaba ao descanso, estaba subindo nas gradas. O público, encomodado co árbitro, comezaba a impacientarse. O gol do Deportivo parecía cerca mais o Espanyol recompúxose e adiantou liñas. Final dunha primeira parte na que

 o Dépor xogou ao ataque e nas bancadas as bandeiras ondeaban dando forza. Os dous goles virían despois, para confirmar o bo xogo e a enerxía deitada tanto dentro como fóra do campo. 

Xa desde antes do inicio

A pouco de comezar o partido do Deportivo co Espanyol, as bandeiras estaban xa a dar cor aos arredores de Riazor. O reparto organizado por Galiza Nova nas inmediacións do campo durou apenas cinco 

minutos. 

Foron cinco minutos os que se tardou en distribuirse todas as bandeiras estreleiras que Galiza Nova aportou para a iniciativa de protesta polo impedimento de expoñer os símbolos nacionais nos campos que tivo o seu episodio máis duro na pasada xornada en Valladolid. 

Aínda antes de comezar o partido, os arredores de Riazor iluminábanse de bandeiras con estrelas, portadas por siareir@s ás costas ou na man e que contribuirán a mostrar dentro do campo a oposición á prohibición dun dos símbolos da Galiza. 


“Quería invisibilizarnos como pobo ate nos campos de fútbol. Queren prohibir os nosos símbolos porque lles molestan mentres permiten que se exhiban os símbolos españois” comenta David García, responsábel comarcal de Galiza Nova desde as inmediacións do campo, cando vai comezar un partido crucial para o Deportivo e tamén para unha afección que mostrará o seu desexo de poder expresarse desde as bancadas. 

Siareir@s antes do partido, no reparto de bandeiras de GN. Foto: GN A Coruña. 

Comentarios