A escena pide a demisión do conselleiro despois de a policía lle vedar o acceso á Agadic

A policía impediu hoxe que a escena galega puidese realizar unha comparecencia perante a imprensa na Agadic, no Gaiás. Perto de cento profesionais do sector voltaron á Cidade da Cultura após teren sido desaloxados onte á noite. Si atenderon os xonralistas ao ar libre, entre os berros dos manifestantes. Exixiron os cesamentos do conselleiro e do secretario xeral de Cultura, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo, respectivamente.
A Plataforma das Artes Escénicas volta ao Gaiás

"Están vendendo o futuro da Cultura Galega. Hai un recorte do 100%". Con estas palabras, Pablo Reboleiro, membro da asociación profesional do Circo e da Plataforma das Artes Escénicas, resume as circunstancias que están a vivir as artes escénicas do país ás portas da sede da Agadic, na Cidade da Cultura. Alí e un día despois do desaloxo tras a ocupación durante doce horas da instalacións, regresaron os membros da Plataforma das Artes Escénicas para denunciar a actitude dunha Consellaría de Cultura e Educación que, a ollos dos manifestantes, está a afogar o sector das artes vivas. Máis de cen profesionais da escena acudiron ao convite do colectivo, que pretendía oferecer unha conferencia de imprensa no interior da sede da Agadic. Porén, un dispositivo de perto de dez axentes da policía denegoulles o acceso.

A rolda de imprensa, entre berros de dimisión do conselleiro e do secretario xeral de cultura, realizouse deste xeito na rúa, espazo ao que se vén condenados as e os traballadores do sector xa que, tal como denuncian, a Xunta de Galicia ten paralizadas as redes de distribución. "O detonante destas últimas mobilizacións é a paralización das Redes de Música ao Vivo, de Salas e de Teatros e Auditorios. Están paradas. A consellaría asegura que se van convocar, mais que non se pode antes de que se aproben os orzamentos. Porén, non temos certezas nin información. Estamos en febreiro e non sabemos como se van convocar nin con que orzamento", explicou Salvador del Río, presidente de Escena Galega e un dos voceiros habituais da Plataforma das Artes Escénicas e Musicais.

O colectivo esíxelle á Consellaría que pague as facturas pendentes de bolos e de subvencións

"Atrasos inacabábeis" e un plan estratéxico

Ademais, o colectivo esíxelle á Consellaría de Galicia que pague as facturas pendentes de bolos e de subvencións que, segundo os promotores da manifestación teatral, son xa "inacababeis". "Traballamos sen saber cando vamos cobrar nin canto", lamenta del Río. A iso súmanse os recortes que se están a realizar. "A Agadic contará cunha rebaixa no seu orzamento do 45%. Ademais, non sabemos canto do 55% está hipotecado, canto se destinará a pagar o que queda por pagar e canto se dedicará realmente este ano", sinalou o presidente de Escena Galega. Neste sentido, dende a Plataforma insístese en que non todo é cuestión de cartos, que se poden entender os recortes, pero que non partillan as grandes tesoiradas que se están a producir no eido cultural e esixen un plan de traballo, unha plan estratéxico para traballar a longo prazo.

"Cambio de modelo"

Por outra banda, os manifestantes denunciaron que se quer impulsar un cambio de "modelo cultural" virado para os "grandes fastos e o mausoleo que é a cidade da cultura". Máis Armesto denunciou nesa liña que o orzamento da Xunta para cultura é de 93 millóns e que "perto do 70%" está destinado "ao mausoleo, a esta infraestrutura". Os membros da plataforma contiúan agora concentrados no Gaiás con faixass con lemas como "Desmantelamento da Cultura non" e na compaña de deputados do BNG como Ana Pontón e de AGE, como Xabier Ron ou Yolanda Díaz.

Comentarios