Arredor de cen concellos pactan a rebelión e insubmisión á Xunta por Sogama

Arredor de cen gobernos municipais teñen en común a decisión firme de non asumir a suba do canon de Sogama. Se a Xunta non responde á vía negociadora, desenvolverán accións de protesta que van desde a vía xudicial, ás mobilizacións e á insubmisión. 

Sogama
photo_camera Sogama

Alcaldes de PsdG, BNG, Anova e independentes xuntáronse en Compostela para tomar medidas comúns contra a imposición da subida do canon en marzo dun 34%. Representan arredor de cen concellos, entre eles os de cidades como Vigo, Lugo, Pontevedra ou Ourense o que fai que supoña máis da metade dos residuos que se xeran no país. 

Na xuntanza de Compostela acordaron comezar as mobilizacións no mesmo mes de xaneiro, se a Feijóo non responde á petición de xuntanza que teñen solicitado. Se a Xunta non abre unha vía dialogadora, aprobouse iniciar o recurso por vía xudicial ademais das mobilizacións que levarán a rexedores municipais á sede da Xunta en San Caetano. En todo caso, sinalaron tamén que, de se producir a subida do canon, declararán a súa insubmisión ás facturas. Anunciaron tamén que, de non chegaren a ningún acordo, estudan pendurar pancartas informando da súa oposición a Sogama nos propios edificios municipais. Botarán a andar tamén a elaboración dun informe sobre posíbeis alternativas a Sogama. 

Comentarios