Arraianos e Vikingland participan no Festival Internacional de Cinema d´Autor de Barcelona

Arraianos de Eloy Enciso e Vikingland de Xurxo Chirro participan no Festival Internacional de Cinema d´Autor que se desenvolverá en Barcelona do 25 de abril ao 2 de maio. Os dous filmes estréanse en Cataluña nun festival no que se proxectarán por volta de medio cento de títulos. 

Vikingland
photo_camera Vikingland

O traballo experimental de Xurxo Chirro construído a partir das cintas gravadas na travesía dun ferry por un mariñeiro que mercara unha videocámara ten xa no seu haber un amplo percorrido por festivais tanto do país como internacionais. Especial suceso tivo no Play Doc e no Festival Márgenes nos que se fixo co premio ao mellor filme. O caderno de bitácora audiovidual que atopou no arquivo persoal do mariñeiro achéganos á vida na mar na travesía que vai da illa danesa de Romo á alemana de Sylt. 

Canto a Arraianos, o filme de Eloy Enciso tivo xa a súa estrea nun festival, neste caso o de Locarno, na Suiza. Na película recóllese a vida na Raia Seca a través dun formato con feitura de documental máis tamén historia ficcionada. O seu segundo filme como director de Enciso despois de se apresentar no 2007 con Pic-nic escolleuo espazo literario e histórico do Couto Mixto como paisaxe, xente e identidade de fronteira. 

O Festival Internacional de Cinema d’Autor de Barcelona, ofrece nesta edición máis de medio cento de longametraxes de cine internacional contemporáneo, tanto obra con direccións consagradas xa premiadas noutros festivais, propostas de cine independente máis traballos de novos talentos. Na mostra deste 2013 o programa recolle tamén unha retrospectiva de cine rumano contemporáneo. 

Comentarios