Armadores do cerco pechados no Parlamento:''O que nos fixo esta conselleira non ten perdón''

Falamos con José Blanco, de Portosín, un dos 5 armadores encerrados na Cámara galega até ser recibidos polo presidente ou vice-presidente da Xunta. “As cotas que nos dan significan fame”.

IMG_9367
photo_camera [CC BY-SA Sermos Galiza]

“De aquí non saímos até que nos escoite o presidente da Xunta ou o vicepresidente. Ou que nos saquen mortos”. José Blanco, de Portosín, é un dos 5 armadores do cerco que están pechados no parlamento de Galiza. Comparte cos compañeiros (de Sada, Cambados, Malpica e A Coruña) unha sala da Cámara. Fala claro das demandas: reunirse con Núñez Feijóo ou Alfonso Rueda. A conselleira? “Non. A asemblea de mariñeiros non a quere polas mentiras e enganos que nos fixo, e nós non podemos pasar por riba da asemblea. O que nos fixo a conselleira a nós e a Galiza non ten perdón. Tiña que estar xa demitida”.

Con ese “o que nos fixo a conselleira” José Blanco refírese a non defender a frota galega no reparto de cotas de xarda e xurelo feita polo Ministerio de Pesca. “Son farangullas, é a fame. É a ruína”, insiste. Blanco, e a asemblea do cerco, quere que Feijóo se comprometa a defender que ese reparto ten que se volver a facer. “Que os topes se repartan por barco e tripulante”.

“Nós tiñamos que estar no mar, non aquí”

José Blanco reitera que están alí para loitar polo futuro deste sector (154 barcos e 1.500 mariñeiros). Reitera que a conselleira “non pode ter perdón” e insiste en que debe demitir. Agradece o apoio de BNG, AGE e PSdeG. “Levamos tres meses sen ver un euro”, denuncia. E lembra: “nós tiñamos que estar no mar, non aquí”. Se están alí, encerrados no Parlamento, “é para evitar que nos condenen á fame”.

Comentarios