Após a viaxe a Mexico, Feijóo segue sen data á construción dos floteis

En comparecencia de imprensa após o Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que o presidente mexicano "avalou e ampliou" os acordos entre a petroleira mexicana Pemex e os estaleiros galegos. Porén, aínda non hai data para a construción dos buques floteis prometidos polo líder do executivo galego. 

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Sen data para o inicio da construción dos dous floteis estrela anunciados pola Xunta de Galiza. O líder do executivo galego asegura que Peña Nieta "avalou" o acordo adoptado entre a filial de Pemex (PMI) e os estaleiros de Navantia e Barreras. Aliás, dixo, estes foron ampliados a través do compromiso de construción de buques de flota menor tamén para a petroleira, entre os que se atoparían "barcazas, remolcadores e buques tanques", sinalou Alberto Núñez Feijóo. No entanto, o líder do executivo galego non apuntou cando comezarían a ser construídas estas embarcacións, que doutra banda, a Cámara de Comercio mexicana asegurou que se construirían alí. 

Segundo o presidente galego, na xuntanza desenvolvida co mandatario mexicano, Peña Nieto tería amosado a vontade do seu goberno de continuar adiante coa "construción da base loxística" de Pemex no Porto exterior da Coruña e, alén do máis, tería mostrado interese na incorporación da petroleira mexicana ao accionariado dun dos estaleiros galegos. Alberto Núñez Feijóo asegurou estar a "negociar" a súa participación. Porén, apuntou, as condicións en que esta se desenvolvan "deberán ser fixadas" con posterioridade e non correrán a conta "do Goberno galego".

"Un resultado esperanzador" na viaxe a Mexico

Alberto Núñez Feijóo amosouse satisfeito polos resultados obtidos da viaxe a Mexico. Segundo o líder do executivo galego, o presidente mexicano "avala e amplía a relación" entre Pemex e os estaleiros galegos. A reunión con Peña Nieto saldouse cun "resultado esperanzador" para o sector naval, mais tamén para outros como o lácteo, afirmou Feijóo. Neste senso, o presidente da Xunta anunciou que o executivo galego iniciou contactos en Mexico para permitir a exportación de leite galego ao país azteca. "Ou vendemos fóra ou haberá complicacións", sinalou.

Comentarios