A APDR denuncia que o PP quere manter Elnosa na Ría de Pontevedra

A través dun comunicado feito público na Semana Galega de Filosofía, a Asociación pola Defensa da Ría denuncia que o PP opta pola permanencia de ENCE na ría de Pontevedra máis alá do 2018. 

ence apdr manife
photo_camera ence apdr manife

Como “un apoio incondicional a ENCE” cualifica a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) a postura do candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira, que aposta pola continuidade de ENCE en Lourizán máis alá do 2018. Para a APDR, Moreira “formalizou oficialmente a posición do seu partido” que é, segundo apuntan, “dun apoio incondicional a ENCE, sen sequera esixirlle como pago previo a creación de emprego e a eliminación da contaminación e as molestias á veciñanza”. 

Lamentan desde a APDR que o PP estea a empregar o argumento do emprego en tempo de crise cando, ao seu ver, “calquera sabe que a presenza de ENCE na Ría supuxo un freo no desenvolvemento económico da comarca”. No comunicado que a Asociación fixo público no marco da Semana Galega de Filosofía que se está a desenvolver en Pontevedra, pregúntanse se a permisividade cunha empresa que non cumpre a lexislación vixente e foi condenada por delito ecolóxico continuado non terá a ver con que “existan estreitos lazos familiares entre a dirección e ENCE-Pontevedra (e tamén ELNOSA) e a actual Subdelegada de Coordinación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, encargada, entre outras cousas, da apertura de expedientes as empresas contaminantes”. Relacionan o modelo económico proposto polo PP co do que o “réxime franquista prometía a bombo e pratillo nos anos 50 do pasado século”. 

A APDR promete utilizar todos os medios ao seu alcance para impedir que a prórroga se produza e fai un chamamento social para apoiar a súa proposta participando nas mobilización e pide tamén que “non dea o seu voto a aquelas formacións que como o PP, Ciudadanos ou Tod@s por Pontevedra, defenden a permanencia de ENCE na Ría”. 

Comentarios