A Asociación pola Defensa da Ria denuncia un posíbel escape de Ence-Elnosa

Todo indica que o pasado domingo, a fábrica de Celulosas da ría de Pontevedra sufriu un escape mais a empresa non confirmou nin avisou ao goberno municipal do acontecido. A Asociación pola defensa da Ría recibiu varias chamadas de alerta e denuncia o perigo do complexo Ence-Elnosa e da Xunta que esixa responsabilidades á emprea. 

Ence
photo_camera Ence

A Asociación pola Defensa da Ría recibiu varias chamadas no transcurso deste domingo día 11 avisando dun posíbel escape no complexo Ence-Elnosa. Sen poder confirma a información por parte da empresa, a Asociación sinala que “todo indica” que realmente ocorreu e acusa á empresa da fábrica de Celulosas de “falta de respecto cara á cidadanía e falta de transparencia no seu funcionamento”. 

Desde o goberno municipal informaron que na xornada de onte, diversas persoas chamaron á policía local e ao 112 para denunciar o posíbel escape e alertaron das irritacións sofridas, en especial, por viciños do barrio da Parda. De feito, diante do posíbel perigo, policía local e bombeiros despregaron un dispositivo de emerxencia. A empresa xustificou a situación aludindo a un mal funcionamento dunha caldeira sen maior relevancia para a saúde pública. No entanto, desde o concello confirmaron que se produciu unha emisión de substancias tóxicas á atmósfera maior do habitual. 

A APDR manifesta, máis unha vez, que o emprazamento da Celulosa na Ría de Pontevedra supón un “grave perigo para o conxunto da cidadanía da bisbarra” e que se continúan sen poñer en funcionamento os protocolos que alertan á poboación no caso de escape. Segundo informaron desde o propio concello de Pontevedra, Ence non alertou ás autoridades municipais da incidencia acontecida na fábrica. 

Piden á Xunta que esixa responsabilidades aos directivos de Ence polo sucedido neste fin de semana e  que poña as correspondentes sancións. A APDR esixe que o goberno galego tome medidas para evitar o risco que supón a presenza do complexo tan preto de núcleos poboacionais e impida a prorroga por máis alá do 2018. A Asociación diríxese tamén ao Concello de Pontevedra para que, na medida do que estea na súa man, sancione a Ence e impida que situacións como esta se volvan repetir. 

Comentarios