Ao Foro Galego da Familia moléstalle a faixa polo dereito das mulleres a decidir de Pontevedra

O Foro Galego da Familia esixiu ao goberno municipal de Pontevedra a retirada da faixa a favor do aborto libre e o dereito das mulleres a decidir. O Concello de Poio, tamén do BNG, pendurou tamén unha faixa a favor do aborto na súa fachada. 

.
photo_camera .

Para o Foro Galego da Familia,“o pancartismo institucional é unha demostración de abuso de poder”, denuncian no seu comunicado, indicando que a institución municipal está a impor a súa ideoloxía sobre a cidadanía. 

"Non se pode manipular nin adoutrinar dende o frontispicio do Pazo Municipal nin a muller nin á cidadanía. A muller sempre é a primeira vítima do aborto”, sinalan no comunicado segundo o cal,co aborto “só se lucran as clínicas abortistas que agora ven perigar o seu lucrativo negocio".

O colectivo ultrarrelixioso xa se manifestara tamén contra as relacións homosexuais e fixera unha campaña de recollida de sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular contra o divorcio e por un “matrimonio indisolúbel”. 

O Concello de Pontevedra pendurou a faixa na fachada da Casa Consistorial a pasada sexta feira coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ademais de diversos concelleiros e concelleiras, entre eles, o voceiro do PSOE. 

Comentarios