Anxo Quintana: "Eu non tería que demitir; unha parella da Garda Civil iríame buscar á casa"

As fotos do que foi vicepresidente da Xunta no iate do construtor Jacinto Rey volven estar de actualidade após saíren á luz aqueloutras en que Feijóo aparece na embarcación do narco Marcial Dorado. Quintana di sentirse "algo discriminado" polo trato que a el se lle dispensou en 2009


"Se isto me pasase a min non tería que demitir; unha parella da Garda Civil iríame buscar á casa". Así de taxativo se mostrou o ex vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, nunha breve conversa mantida esta terza feira nos micros da Cadena Ser. As fotografías da campaña electoral "de descrédito" que en 2009 publicara o diario español ABC, tomadas un ano antes de que el chegase ao Goberno, volven estar de actualidade após saíren ao prelo outras instantáneas en que o xefe do Executivo galego aparece descansando na embarcación do narcotraficante Marcial Dorado. 

"Eu deixei a política, mais a política non me deixou a min", sinalou o nacionalista, quen se confesou farto das comparacións "que din que estas fotos son iguais ás miñas ou que son moito peores", así como de ouvir "mentiras" con que aínda a día de hoxe determinados medios de comunicación xustifican a imaxe de Quintana no iate de Jacinto Rey, propietario da construtora San José, como parte dunhas xuntanzas en que o ex vicepresidente e o empresario 'amañaban' o concurso eólico.

Traballa na Coruña, mais a imprensa di que está no Brasil como delegado de San José

"As fotos foron tomadas un ano antes de que eu estivese na Xunta e cinco anos antes de que se convocase o concurso eólico", recalcou, para arremeter deseguido contra a radio pública española, RNE, pois, segundo dixo, aínda na tertulia desta terza ubicaron a Quintana no Brasil, traballando como delegado da construtora San José. "Traballo como autónomo e estou na Coruña", corrixiu. 

Malia dicir que "eu de política nunca souben moito e agora cada vez menos", o nacionalista considerou que as imaxes das férias e das viaxes co narco deixan Feijóo "nunha posición complicada", espetando a renglón seguido que, de ser el o protagonista desas fotografías, "non tería que demitir porque unha parella da Garda Civil iríame buscar á casa". O trato que a imprensa e a opinión pública están a lle dispensar a Feijóo, xustificando e exculpando a súa presenza nese barco, "si que sinto que é algo discriminatorio" respecto do que el recibira en 2009 após aparecer no iate do construtor. 

Comentarios