sábado 24/10/20

Anxo Louzao: “Desde a CIG apoiamos e estaremos coa folga estudantil do 6 de febreiro”

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegura que o Anteproxecto da Lei de Mellora de Calidade Educativa (LOMCE) “está impregnado de arriba a abaixo dunha ideoloxía neoliberal ao servizo do PP”. Valora como moi positivas as últimas mobilizacións e anuncia o apoio á folga que realizarán os sindicatos de estudantes esta cuarta feira.
Anxo Louzao, Secretario Xeral CIG-Ensino
Anxo Louzao, Secretario Xeral CIG-Ensino


Que opinión lle merece a resposta social das últimas mobilizacións contra da aprobación da nova Lei de Mellora da Calidade Executiva (LOMCE)?

Valoramos como moi positivas as dez concentracións que se realizaron o outro día en todo o país, cunha cifra de asistencia de máis de dúas mil persoas. Forman parte da permanente mobilización e debate que temos no ámbito do ensino contra esta lei privatizadora, clasista e españolizadora. Continuaremos até paralizar este anteproxecto de lei que é nocivo para o galego.

Seguimos, tamén, facendo asembleas e debates nos centros e recollendo sinaturas para que se coñeza o alcance calamitoso desta norma de aplicarse para un dereito fundamental como é o ensino público.

Cal é a reacción que reciben neses actos dos sectores implicados?

Sen lugar a dúbidas, todo o mundo que se achega a esta lei, que a coñece, queda escandalizado de que o PP traslade a súa ideoloxía máis extrema a un texto normativo que pretende ser a base do sistema educativo. Nese sentido este anteproxecto de lei non resiste ningunha análise desde unha perspectiva progresista, desde unha perspectiva respectuosa co que é a diversidade cultural, lingüística e plurinacional do Estado español. Tampouco resiste ningunha análise minimamente pedagóxica do que ten que ver co ensino de calidade nin vai desfacer as desigualdades.

Estamos diante dunha norma españolizadora que bota por terra os pequenos avances que houbo no que é inserir o ensino na nosa realidade social e nacional. Por primeira vez estamos diante dun proxecto de lei que recolle e establece un modelo lingüístico que está pensado para excluír o noso idioma como lingua vehicular do ensino. Está pensado para que o alumnado poda ser obxector ao coñecemento do seu propio idioma e ao cal teremos que sufragar os seus estudos nun centro privado. Está pensado para exterminar os idiomas propios das diferentes nacións do Estado español. No caso concreto galego tamén está pensado para bendicir o proxecto de Plurilingüísmo que neste momento está en vixencia e que o tribunal Superior de Xustiza de Galiza veu de declarar ilegal. Agora o PP tenciona, mediante unha lei orgánica, darlle legalidade a este sistema que quere varrer do sistema educativa as linguas que non sexan o español e ao mesmo tempo centralizar as decisións, suprimindo competencias que tiñamos, cativas até o de agora.

Queren facer un sistema educativo uniformizador. Para iso tamén están as reválidas. Son unha barreira para impedir a escolarización das clases populares e queren que non haxa ningunha posibilidade de podérmonos dotar dun sistema educativo inserido no noso país. Precisamos urxentemente máis capacidade de decisión, soberanía para podermos dotar o noso país dun sistema educativo propio, público, galego, democrático e laico.

Tamén está a privatización e confesionalidade, a desautorización do seu profesorado a través do seu articulado posto que promove a creación de centros de elite onde seleccionan o alumnado. Dánlle estatus de legalidade a aqueles centros que segregan por cuestión de xénero malia que o Tribunal Supremo xa sentenciou a súa ilegalidade.

Estamos diante dunha norma españolizadora que bota por terra os pequenos avances que houbo no que é inserir o ensino na nosa realidade social e nacional.


Pensa que hai unha presión por parte da Igrexa Católica para beneficiarse desta lei?

Estamos diante dun anteproxecto de lei que non só está ao servizo da patronal privada e da Conferencia Episcopal, senón que parece que está elaborada por eles mesmos. O PP procura facer un ensino moito máis reaccionario, máis retrógrado no sentido que vai dar máis potestade aos centros concertados, máis recursos para crear centros de elite e ao mesmo tempo sen control. É máis, recolle xa dunha maneira explícita que a ordenación educativa vai ter en conta a demanda social no lugar de garantir prazas públicas no ensino público como até a de agora. Tentará xustificar a privada-concertada por esta demanda e creará novos concertos aínda que haxa prazas no ensino público.

No que ten que ver coa ampliación da confesionalidade do ensino, é evidente que tamén a relixión non só vai formar parte do currículo escolar, non só vai condicionar os horarios do alumnado en todos os niveis educativos, senón que se reforza cunha materia alternativa co único obxectivo fundamental que é conseguir que haxa un efecto chamada para que o alumnado se escolarice máis en relixión a medida que ten unha nota alta e que lle vai servir para acadar unha media nas titulacións superiores xa que vai ter valor académico. É inasumíbel que no bacharelato vaia ser unha materia específica, cunha categoría superior ao galego.

Por outro lado, o profesorado seguirá sendo nomeado pola propia Igrexa Católica, sen ningún tipo de control público e mesmo fixarán os libros de texto. É un proxecto de lei que está impregnado de arriba a abaixo dunha ideoloxía neoliberal ao servizo da ideoloxía do PP.  

Esta cuarta feira haberá unha folga do estudantado na Galiza. Pensa que a unidade de todos os sectores parará esta lei?

É evidente. Respectamos que o estudantado leve a cabo as mobilizacións que considere oportunas e neste caso desde a CIG apoiamos e estaremos coa folga o día 6 de febreiro nas diferentes comarcas. O estudantado, o profesorado e a sociedade somos os que imos padecer esta lei. Tentaremos que non se aprobe. Neste sentido xa participamos dentro da Plataforma xunto a diferentes sectores como ANPAS e sindicatos de estudantes.

comentarios