Antonio Veiga: “Apoiar a selección galega significa defender os nosos sinais de identidade”

A Área de Deporte da Deputación de Lugo, que xestiona o BNG, aporta o único apoio institucional para o partido da selección galega coa de Occitania que se celebrará en Lugo o próximo 28 de decembro, organizado por Siareiras Galegas. O vicepresidente da institución, Antonio Veiga, explícanos o que significa en canto aposta pola identidade propia e apunta as liñas de actuación en política deportiva do organismo, o que máis inviste en deporte de todo o Estado. 

Antonio Veiga
photo_camera Antonio Veiga

-A Deputación de Lugo, a través da área que vostede xestiona, é a única institución que apoia o partido da Selección Galega que se celebrará o vindeiro 28 de decembro en Lugo. Por que deciden apoiar a iniciativa? 

Desde o 2005 até o 2009 a Xunta de Galicia, por medio da Consellaría de Cultura xestionada polo BNG, apoiou a selección galega, o que supuña poñer en valor o mundo do deporte propio e os nosos sinais de identidade. Cando o PP chega á Xunta en 2009 situouse na liña de atacar os sinais de identidade do país, a lingua e a nosa cultura de maneira especial. Borrou de golpe tamén aquel referente social que estaba a emerxer e que eran as seleccións galegas no mundo do deporte. Lugo vive hoxe un momento de esplendor deportivo, malia a situación de crise económica, e queriamos tamén que dalgunha maneira iso quedase á vista no apoio á selección nacional tamén porque defendemos que as institucións temos que poñer en valor os nosos sinais de identidade, defendelos con todas as consecuencias porque nos vai a vida e o noso futuro niso. As institucións teñen obriga de poñerse á fronte de reivindicacións da nosa identidade. 

-O fútbol, de maneira especial, é interesante á hora de conformar esa identidade nacional?

Non hai máis que ver outras nacións sen Estado como Catalunya ou Euskalherria para as que son referente obrigado e coas que non fallan nin as institucións, nin os clubes nin a sociedade. A recuperación da selección galega valeu para imprimir nos clubes de referencia o pensamento sobre o propio deporte. A selección de Arsenio e Fernando Vázquez puxo en valor a todos os grandes xogadores galegos que estaban espallados en distintos equipos. Compre destacar, nese sentido, a aposta que ese fixo desde o nacionalismo nas institucións. 

-Como valora a negativa do PP a apoiar a Selección Galega?

Responde a súa vontade de autodestrución e autonoxo que está instalada no Partido Popular, plegado a intereses alleos a Galiza e non só no ámbito económico senón tamén no social, o cultural e, como non, tamén no deportivo. Só así se entende. Se non nos situamos nun tempo no que o PP defende unha política de espolio contra o propio país non entederíamos esta maneira de tirar pedras contra o propio. 

-O BNG na Deputación de Lugo fortaleceu a área de deporte e, de feito, é o organismo provincial que máis inviste no sector de todo o Estado. Por que priorizan este ámbito de actuación?

Desde que o BNG ten responsabilidade na área de Deporte sempre a Deputación de Lugo aparece como a que máis inviste anualmente na área, detrás dos cabidos e as deputacións forais que teñen outro sistema tributario. Somos, sacando esas excepcións, a que máis esforzos dedicamos a actividades ou construción e iso ten a ver co esplendor que esta a vivir o deporte en Lugo. Desde a Deputación apoiamos todos os clubes deportivos da provincia, que están a pasar momentos difíciles porque viron rebaixadas as aportacións da Xunta que leva un ano atrasado no pago de subvencións e só informa das cantidades a final do ano. Na Deputación procedemos de forma inversa e no comezo do trimestre os clubes xa poden facer unha composición dos cartos que van recibir a partir das subvencións nominativas que se outorgan a todos os clubes. Todos recoñecen que esa aportación é primordial, un dos piares que se sustenta nunha situación extrema na que lles é moi difícil atopar recursos da empresa privada. 

-Entre os programas que desenvolven un está destinado á poboación rural e, en concreto, a grupos de maiores, cativos e persoas con discapacidade. As políticas deportivas teñen que ter en conta a compoñente social?

Trátase dun programa que hai dous anos denominabamos “Todos a xogar”, o pasado ano “Tempos” e que agora estamos a definir o que no 2014 levará o deporte a todos os concellos, en especial aos que teñen menos de 5.000 habitantes e cunha atención prioritaria a persoas maiores, de maneira singular ás mulleres. Os resultados son moi positivos e a xente demanda prácticas deportivas e nos preguntan cando van empezar as actividades. Ao noso ver, calquera persoa ten que ter os mesmos dereitos que as que viven no mundo urbano, tamén en deporte. Nós levamos a ximnasia a estes núcleos rurais, utilizando centros sociais, antigas escolas ou antigos teleclubes. Trátase dun labor deportivo mais tamén social xa que, nalgúns casos, é a única actividade de animación que se desenvolve. 

-Pola contra, con respecto ao apoio económico ás sociedades anónimas deportivas o BNG quedou en solitario na súa oposición a estar a Deputación no accionariado. Por que esa posición política? 

Compre ser consecuentes coas posicións que se manteñen na oposición e no goberno e iso é o que fixemos. Apoiamos a saída do accionariado da Sociedade Anónima Deportiva Breogán que, ao noso ver, ten que concorrer ás axudas ao igual que os demais clubes. O mesmo acontece co Clube Deportivo Lugo cando se transformou en sociedade anónima. A nosa postura é clara, tanto na Deputación como no Concello. Dixemos que as institucións non teñen que tomar parte dos accionariados dos clubes. PSOE e PP votaron por entrar no grupo de accionistas. Se naquel momento apostabamos por saír do Breogán non tiña sentido que entraramos no Lugo. Unha institución non se pode poñer en situación de ter a obriga de paliar o déficit dunha sociedade no caso de que o houbera. En tempos ademais nos que temos prioridades como as referidas á área de Benestar Social temos moi claro cal ten que ser a nosa aposta política. 

-Competencia da UE está a investigar a moitos clubes de fútbol e a súa relación coa administración despois do que xa se deu en chamar a “burbulla deportiva”. Como ten que ser, ao seu ver, a relación da administración cos clubes?

As burbullas acaban rebentando e non é de recibo que a pague a cidadanía enteira. Todos os cidadáns tiveron que facerse cargo da burbulla inmobiliaria e na deportiva vemos que vai acontecer o mesmo. O deporte non pode ser entendido como negocio e estamos a comprobar que o entramado deportivo ten olor a rancio, cunha estrutura de federacións que son cotos pechados onde se perpetúan familias e lobbies. A relación de intereses que se establece entre moitas administracións con esas federacións pouco axuda ao desenvolvemento do deporte, en especial, do de base que é no que nós centramos desde a Deputación a nosa actuación política. Temos que ser consciente da importancia social que ten o deporte tamén para reforzar a identidade dun país, dun pobo, unha vila ou unha cidade. 

-Esa política de apoio ao deporte de base está a dar os seus froitos? 

Está. Ao noso ver, en Lugo respírase un ambiente deportivo moi positivo que ten que ver coa liña e a aposta que se desenvolveu desde a Deputación. Todos os clubes da provincia, como dicía, levan axuda da Deputación e, para moitos equipos pequenos isto é fundamental para a súa supervivencia. Para nós é importante que en todos os recunchos haxa clubes deportivos e que todos sintan o noso apoio. Entre outras cousas, son os grandes esquecidos pola Xunta. Infelizmente, como noutras áreas, vémonos na obriga de cubrir desde a Deputación os incumprimentos do goberno de Feijóo.

Comentarios