As ANPAS rexeitan a “reválida” de Primaria dos días 27 e 28 de maio

Aula universitaria _ imaxe de arquivo

A Confederación Anpas Galegas fai público o seu rexeitamento á proba de avaliación do alumnado de 3º de Primaria que está prevista para os vindeiros 27 e 28 de maio. 

As probas de “avaliación individualizada” que a LOMCE implanta para o alumnado de 3º de Primaria e que a administración datou para os días 27 e 28 de maio conta xa co rexeitamento da Confederación Anpas Galegas que defenden que a única avaliación posíbel corresponde ao profesorado que está cada día cos nenos e nenas. 

“Ningunha proba externa vai dar resultados fiables porque refire a posible diagnose a unha circunstancia descontextualizada na vida dun escola”, sinalan nun comunicado no que se refiren á proba como a primeira das “reválidas” da LOMCE, unha lei á que tamén mostran a súa oposición e que agardan que sexa derrogada no futuro. 

Discriminación

Consideran tamén que a proba “discrimina ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo”, que “xerarquiza as materias do curriculum”, e que, entre outras cousas, “despreza a nosa contorna”. Para Anpas Galegas, o único obxectivo destas probas é establecer “categorías de centros públicos, de profesionais do ensino e mesmo de zonas xeográficas, coa intención futura de diversificar discriminadamente os investimentos educativos creando centros e alumnos beneficiados ou prexudicados na procura dunha excelencia que non se consegue así senón traballando dentro da equidade e da igualdade de tratamento e oportunidades”.  

Lamentan que a Xunta teña optado por “gravar” o sistema educativo con estas probas cando ten competencias para telas evitado como están a facer outras Comunidades Autónomas. 

Comentarios