sábado 08/08/20

As Anpas exixen á Xunta a gratuidade dos libros de texto a través dun servizo de préstamo

Iniciarán unha campaña para promover esta medida que, din, visa tamén promover "os valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipa" entre a mocidade. "Non queremos cheques, nen subvencións", sinalan. 

As Anpas exixen á Xunta a gratuidade dos libros de texto a través dun servizo de préstamo

A Confederación de Anpas de Galiza acordou na súa última Xunta Directiva iniciar unha campaña de para relanzaren a "permanente reivindicación", sinalan, da gratuidade nos libros de texto. 

Neste senso, as asociacións de nais e pais instarán o goberno galego a pór un marcha un novo servizo de préstamo que permita o acceso ao material escolar no ensino obrigatorio. Desde a dirección das Anpas galegas aseguran que o ensino é "unha incuestionábel responsabilidade social" polo que se deben achegar "todas as facilidades necesarias para que toda a infancia e toda a xuventude teñan os medios abondos para aproveitar e se beneficiar deste esforzo conxunto". 

Defenden que se desenvolva un servizo de préstamo de libros que difunda, tamén, valores de reciclaxe, coidado e traballo en equipa

Así, subliñan que a defensa desta gatuidade foi asumida no informe de 2013 pola propia Defensora del Pueblo ao asegurar que "A Constitución non só define o ensino básico como gratuíto, senón tamén como obrigatorio. E do estabelecemento dese deber constitucional ten que se deducir o correlativo deber público de proporcionar todos os medios imprescindibles para que poida ser cumprido". 

Mais desde a Confederación de Anpas rexeitan que a administración galega proporcione os libros e o material através de "cheques" ou "subvencións". En toca, desde as Anpas galegas defenden que se bote a andar un servizo de préstamo --semellante ao desmantelado polo Partido Popular á súa chegada ao goberno de Galiza en 2009. Un sistema, sinalan, "ademais de asumir a obriga pública de facilitar que o ensino obrigatorio sexa gratuíto, participe tamén na difusión dos valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipo entre a nosa xuventude". 

comentarios