As ANPAS reclaman da Xunta un acordo como o do Goberno vasco para garantir o ensino en galego

Despois de que o Goberno vasco conseguira manter a súa capacidade para determinar a presenza do euskera no ensino, as ANPAS esixen unha negociación similar por parte da Xunta. 

Peches nos centros de ensino contra a LOMCE
photo_camera Peches nos centros de ensino contra a LOMCE

O Goberno vasco defendeu as súas competencias á hora de preservar a presenza do euskera no ensino e non aplicará a LOMCE nesa materia segundo se fixo público nos derradeiros días, modelo que as ANPAS galegas reclaman tamén para Galiza polo que solicitan á Xunta que asegure un acordo similar.  

“Que sexa dende aquí dende onde se lexisle o desenvolvemento dunha norma axeitada á nosa realidade, respectuosa e potenciadora da  nosa lingua e da nosa cultura, e que recupere valores democráticos no funcionamento dos centros escolares permanecéndonos  ás  familias na presenza que ata o de agora tiñamos”, sinalan no comunicado no que lamentan a deixación de funcións da Xunta na materia. 

"E logo nós?"

O acordo entre o Goberno español e o Goberno vasco polo que se acorda o dereito a regular o ensino da propia lingua como competencia da administración educativa vasca sen interferencia estatal fai que desde as ANPAS se pregunten: “ desacougante desta noticia é a pregunta que nos facemos os galegos: E logo nós ?”, cuestión para a que a propia entidade ofrece unha longa resposta: “Mirando cara a outro lado; deixando esvaerse entre os dedos toda a nosa capacidade legal, cun goberno que segue a non crer nun ensino galego e para os galegos, cuns dirixentes que fan seguidismo absoluto do que se fala na Administración Xeral do Estado; cunha normativa que quere ter como mérito o de ser idéntica á que se poida elaborar no outro extremo da península, e coa consolidación dun ataque á nosa lingua que ven dende o mesmo momento no que o actual goberno galego gañou as eleccións e pretendeu implantar aquel modelo “plurilingüista” que logo deitaron sentenzas e costumes”.

Lembran tamén que o acordo recoñece que o País Vasco poderá ter Consellos Escolares “democráticos” que determinarán a presenza das familias na toma de decisións no ensino “mentres que nós non temos ningunha noticia de que o noso goberno galego teña a intención de recoñecer, e lexislar en consecuencia, que as familias somos parte intocable da realidade educativa, e que a nosa presenza é tan necesaria e tan imprescindible como a da administración, o profesorado ou o alumnado”, denuncian. 

Comentarios