Anova desaconsella especular con candidat@s, mentres Beiras avanza a aceptación de Lidia Senra

O líder de Anova dixo esta terza feira que a ex secretaria xeral do SLG estaría disponíbel para ser candidata nas europeas. Anova, en troca, afirma nun comunicado que non é o momento de especular con candidat@s porque a Coordenadora Nacional aínda non puxo en marcha o proceso

Beiras
photo_camera Beiras

Esta terza feira foi posíbel distinguir dous discursos distintos en Anova a respeito da persoa que, en representación desta formación política, asumirá a quinta praza na candidatura de Izquierda Unida (da "esquerda federal" na nomenclatura que utiliza a organización) ao Parlamento europeu.

Así, e nun encontro coa imprensa após a xunta de portavoces do Parlamento, Beiras avanzou que Lidia Senra aceita a oferta para se candidatar a Bruxelas.

"O único que fixo Beiras foi promover que se falase con Lidia Senra", di o líder de Anova

Beiras ironizou a respeito dos rumores que circularon nas últimas datas en relación a quen asumiría finalmente a representación de Anova na candidatura. Veu dicer que a opción de Lidia Senra pon no seu sitio "todas aquelas hipóteses de mandar a Beiras a Bruxelas ou de que Beiras quería mandar a Martiño [a Bruxelas]", en referencia ao alcalde de Teo.

"O único que fixo Beiras", dixo o líder de Anova falando de si proprio en terceira persoa, "foi promover que se falase con Lidia Senra".

Ratificación pola militancia

Explicou que, en calquera caso, a escolla de Lidia Senra ha de ser aínda ratificada pola militancia de Anova, o cal vaise facer, segundo dixo, "coa máxima celeridade posíbel".

En realidade, a candidatura de Lidia Senra podería confrontarse coa postulación doutras persoas, e así o asinala a propia Anova nun comunicado pendurado na súa web.

Especulacións sen fundamento

Nese comunicado, Anova-Irmandade Nacionalista reférese aos rumores sobre hipotéticas candidaturas e cualifícaos de especulacións sen fundamento.

Literalmente, Anova di o seguinte: "Finalmente e a respecto de especulacións sobre posíbeis candidatos/as por ANOVA para ir na lista que están aparecendo nos medios, nin que dicir ten que son iso, especulacións, dificilmente pode falarse con fundamento dese tema cando a Coordinadora Nacional aínda non botou a andar o método para escolla das persoas e que en principio será aberto a toda a militancia e por escolla directa entre todas as persoas que se presenten".

O comunicado deixa todas as opcións sobre a mesa, mesmo a de se será ou non "aberto" o proceso a toda a militancia (aínda que subliña que "en principio" si o será). A resolver este asunto, entre outras tarefas, dedicarase a Coordenadora Nacional Extraordinaria de Anova que se irá reunir o vindeiro sábado e que, aliás, debruzarase sobre a situación criada na Permanente após a demisión do núcleo de dirección que non era partidario da integración de Anova na candidatura da "esquerda federal".

Comentarios