Anova baralla a opción de Lidia Senra como a súa candidata a Europa

Lidia Senra podería ser a candidata de Anova para ocupar o posto número 5 na candidatura que impulsa Izquierda Unida ás europeas, segundo avanza Europa Press.

Lidia Senra (Foto SLG)
photo_camera Lidia Senra (Foto SLG)

A que fora secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego sumaría vontades dentro da organización mais toparía co problema de non cumprir a condición de IU que, para respectar a candidatura cremalleira, reclamaría un home para ese posto. 

O de Anova era o único dos oito postos primeiros da lista de IU que non tiña nome asignado este fin de semana cando o consello político da formación liderada por Cayo Lara aprobou a listaxe inicial. Á organización galega deixáballe o posto número 5 da candidatura, como estaba previsto, un número sen persoa, contra o que acontecía cos outros sete de inicio de listaxe. A recente decisión de Anova por unha escasísima marxe de concorrer ás eleccións na listaxe de IU alongou o proceso con respecto aos tempos de IU. Segundo informa Europa Press, Anova anunciaría en breve a persoa que ocuparía o número 5 da listaxe e que, con moita probabilidade, sería Lidia Senra, ex-secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. 

A Coordinadora Nacional que se reunirá o próximo sábado terá que ratificar as dimisións que se produciron o día despois de teren escollido partillar da lista de IU, alén de nomear unha permanente nova que asuma o novo proceso. Segundo Europa Press, Lidia Senra estaría apoiada polos sectores de Anova que optaron pola vía de se integraren na listaxe de IU para os comicios europeos.

Martiño Noriega pilotaría a nova dirección

De se confirmar a candidatura de Lidia Senra, ficaría desbotada a de Martiño Noriega, alcalde de Teo e líder do sector de Anova partidario de avanzar na converxencia con IU, a quen non poucas voces, e desde hai meses, viñan colocando na carreira cara á Bruxelas. 

As mesmas fontes que apuntan o nome de Lidia Senra para Europa informan de que Martiño Noriega se vai centrar nos próximos meses en pilotar a nova dirección de Anova, a que elixa este vindeiro sábado a Coordenadora Nacional após a demisión en bloco do que no seu momento constituía o sector oficial da organización, o nucleado por Mario López Rico e Luís Eyré Palleiro.

Este movimento podería, aliás, colocar a Martiño Noriega na nómina de alcaldábeis de Anova para Santiago de Compostela, unha opción que xa se ten barallado en círculos da formación de Beiras, embora teña sido negada polo propio alcalde de Teo.

Comentarios