Beiras defende candidaturas cívicas nas municipais para "darlle o golpe ao Estado borbón"

Acto de Anova
photo_camera Acto de Anova

Este non era o Día da Patria que Anova quería. Xosé Manuel Beiras lembrou que a súa opción era unha conmemoración protagonizada pola cidadanía e apoiada polas forzas políticas. Na Praza 8 de marzo defendeu candidaturas cívicas nas municipais para, de abaixo a arriba, “darlle o golpe ao estado borbón”. 

Tanto na propia conmemoración do Día da Patria como cara ás próximas eleccións municipais ou mesmo para conseguir a “quebra democrática”, o discurso de Xosé Manuel Beiras centrouse na necesidade da recuperación do protagonismo da cidadanía, nunha Praza 8 de Marzo na que Anova desenvolveu o seu acto central diante dunhas 500 persoas. Beiras non dá multitudinarios concertos, dixo o coordinador Martiño Santos, na súa presentación, mais continúa a ser, como os Rolling, engadiu “o que vende máis discos”. 

Anova fixou o seu obxectivo político, en palabras de Beiras, nas vindeiras eleccións municipais, para as que adiantou a vontade de participar en candidaturas cívicas, cuns mínimos programáticos e resultado dun proceso participativo. Aplaudiu así, secundado polas persoas asistentes na Praza, a chegada da Marea Atlántica. 

Pouco antes, en declaracións a xornalistas, Beiras explicara que Anova defendera hai xa un mes a conmemoración dun Día da Patria no que a cidadanía fose a protagonista apoiado polas forzas políticas. No acto convocado unicamente por Anova, convidou a “superar os minifundismos” e “eliminar os marcos”  de camiño a unha “quebra democrática” que só será posíbel, ao seu ver, por medio dun “diálogo aberto, entre iguais”. 

"Non cremos que Galiza como pobo e nación teña a potencia suficiente sen combater no Estado español que nos fode, por iso cómpre alianzas entre iguais”

A cidadanía foi a protagonista dun discurso que o portavoz de Anova iniciou despois de que polo estrado pasaran representantes de diversas plataformas cívicas, desde a do dereito ao aborto ás afectadas polas hipotecas. “O suxeito político da nación é a cidadanía toda, non unha elite ilustrada” dixo Beiras para quen as organizacións teñen que cumprir só o papel de “ferramentas de emancipación en Galiza e no Estado”.  Defendeu, na mesma liña argumental, “candidaturas de base cidadán” para recuperar o poder dos concellos hoxe, segundo dixo, destruído por “Atila en Galiza”, dixo, referíndose ao PP a que tamén definiu o “comando de exterminio que quere borrar do mapa á nación galega”. 

Alianzas para combater no Estado español

“A democracia está morta, putrefacta e con respiración asistida”, en Galiza, o Estado español e a UE, os tres ámbitos que citou en varias ocasións e para os que reclamou unha “política de alianzas” cara á unha “quebra democrática”. “Non cremos que Galiza como pobo e nación teña a potencia suficiente sen combater no Estado español que nos fode, por iso cómpre alianzas entre iguais”, defendeu, nunha fórmula que, ao seu ver “funcionou con AGE, refrendada por 200.000 cidadáns”. 

Xosé Manuel Beiras presentou as municipais non como unhas eleccións, máis senón como a posibilidade de recuperar o poder por parte da cidadanía e, de abaixo a arriba, conseguir “darlle o golpe ao estado borbón”. Puxo como exemplo, as eleccións municipais do ano 1931 que provocaron a caída da monarquía e a chegada da Segunda República, proceso que extrapolou tamén á hora de defender a creación dunha fronte de organizacións, de “igual a igual”. 

Os tempos xogan, segundo Beiras, na necesidade de acelerar un proceso que definiu como “imparábel” e que ten na Marea Atlántica un exemplo que repetiu en diversas ocasións.

Comentarios