As vítimas aplauden as imputacións e piden que o Congreso investigue a traxedia

Poucas horas após transcender que o xuíz Aláez imputa a 11 cargos públicos, a Plataforma das Vítimas do Alvia 04155 celebran a decisión do maxistrado e piden que o Congreso investigue o sinistro. Queren que comparezan cargos do actual goberno e do anterior.

Accidente tren Angrois

O xuíz Aláez deixa a instrución da traxedia de Angrois sinalando responsábeis: altos cargos do ADIF durante a etapa de goberno de Zapatero e José Blanco. Impútalles un delito contra a seguridade colectiva.

Aláez sempre tivo no albo a cúpula directiva do ADIF, a quen atribúe unha imprudencia puníbel ao ter modificado as condicións de seguranza na Grandeira e ao tomar decisións que potenciaron os riscos e, por tanto, tornaron posíbel que un fallo humano resultase nunha traxedia.

O xuíz entende que, de terse mantido o deseño orixinario da alta velocidade entre Ourense e Santiago e de non terse desligado o sistema ERTMS, o fallo humano do maquinista non se tería saldado no tráxico balanzo de 79 mortes.

O xuíz imputa o ex presidente de ADIF con Zapatero e o ex director de gabinete de José Blanco

Após receber distintos informes periciais basicamente coincidentes ao sinalar como desencadeante do sinistro a decisión de non garantir a conexión do Alvia co sistema ERTMS (capaz de frear a máquina ante un despiste humano), o xuíz resolveu imputar a 10 cargos do ADIF, a empresa estatal titular da infraestrutura ferroviaria, e ao exdirector de Seguranza na Circulación.

Entre eles está Antonio González Marín, ex presidente de ADIF, e Javier Hurtado, vocal no consello de administración e ex director de gabinete do ministro, José Blanco.

O xuíz impútalles un delito contra a seguridade colectiva e estima que hai indicios de que, alén diso, sexan partícipes "nos delitos de homicidios e lesións".

Comentarios