AS REPORTAXES DOS NÚMEROS MÁIS LIDOS DE SERMOS GALIZA EN 2014

O Estado, sen asumir as súas responsabilidades

Encetamos unha nova serie, a das reportaxes dos números máis lidos de Sermos Galiza en 2014, cun traballo asinado por Xesús Manuel Piñeiro e que apareceu publicado o 17 de xullo, na entrega 105 do semanario.

temasemana105
photo_camera Reprodución da dupla páxina aparecida no semanario 105

"Non nos merecemos isto”, afirma Cristóbal Fernández, da Asociación de Prexudicados polo Accidente do Alvia (Apafas). Con “isto” este sevillano que viaxaba no tren que descarrilou en Angrois, provocando 79 mortos, resume o sentimento de "abandono" e "frustración" que din sentir após 12 meses sen respostas. Máis rotundos aínda se mostran desde a Plataforma Alvia 014155,  "Queremos saber a verdade", reclaman, e está claro, manteñen, que "os grandes partidos non teñen o máis mínimo interese e preocupación" en satisfacer esa demanda.

Este 24 de xullo é o primeiro aniversario da maior traxedia terrestre da Galiza contemporánea. Un sinistro ferroviario a 3 km da estación de tren de Compostela, na curva da Grandeira, que deixou 79 persoas falecidas e máis dun cento de feridas. "Como todo sinistro é complexo, hai moitos elementos a ter en conta, factores diversos...mais, desde logo, o que é unha solemne parvada é reducilo todo  a unha persoa, o  maquinista", sostén o técnico Miguel Rodríguez. Unha opinión que partillan desde o Colexio de Enxeñeiros até o sindicato de maquinistas, pasando mesmo polas asociacións de vítimas ou mesmo parte da veciñanza de Angrois.

"NON NOS GUSTA A POLÍTICA"

Angrois celebrou estes días as súas festas, San Antonio, que decorreron  ao pé do lugar do sinistro, onde estaba o campo da festa. O día do accidente un dos vagóns caeu alí, destrozando o lugar.  Hai veciños, como José, que recoñecen que "non se dá superado unha cousa así: os mortos,  a desfeita..." Outros, como Martín, recoñecen que malia que esas  imaxes nunca se esquecen "a vida segue". Non lles gosta falar de "política", afirman, cando se lles pregunta a opinión sobre o veto ás comisións de investigación ou o descontento de gran parte das vítimas coas administracións. "Nunca están as cousas a gusto de todos".

Mais hai, tamén, quen recoñece que "fomos manipulados un pouco,  a verdade". Por quen? "Polos políticos, polos xornais...por  todos. Falaban de nós, do exemplo dos veciños, do espírito de Angrois, e ao mellor non falaban do que tiñan que falar: que como pode ser  que un tren que din que é AVE se escaralle así, matando

tanta xente". De feito, xa comunicaron á Xunta que non van recoller  o 24  de xullo  a Medalla de Ouro e piden que se adíe a entrega "por respecto ás vítimas".

TÁCTICA PRESTIGE

"As institucións prometéronnos transparencia, mais nelas só atopamos ocultamento", manifesta a Sermos Galiza Cristóbal Fernández. Teñen a sensación de que se quere evitar que o Estado  e  o  AVE saian "manchados" do sinistro.

"Xa perdemos a conta das veces que se botou abaixo a petición dunha comisión de investigación sobre o acontecido en Angrois", inciden desde a Plataforma Alvia 014155. "A estratexia semella, en parte, a do Prestige: deitar toda a responsabilidade nunha única persoa (Mangouras no sinistro marítimo, o maquinista no ferroviario) e alongar o proceso todo o que se poida", opina Miguel Rodríguez.

E unha coincidencia máis: en ningún de ambos os dous ámbitos (tráfico marítimo e ferroviario) Galiza ten capacidade de decisión. Na primeira, por non ter competencias. Na segunda, por non telas transferidas (malia que no artigo 27.8 do Estatuto figura a competencia).

CANTAS NEGATIVAS Á COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN?

Até en cinco ocasións dixo o PP (co apoio ou abstención do PSOE) non a unha comisión de investigación."Nin os veciños de Angrois nin os traballadores nin as vítimas nos merecemos isto", lamentan desde as plataformas de vítimas. A última destas negativas foi estes días, apenas a unha semana do aniversario da traxedia. O BNG reiterou a solicitude, "porque hai que determinar responsabilidades, falar das medidas necesarias para que unha cousa así non  se volva repetir", segundo Ana Pontón. O Partido Popular non só botou abaixo esa petición, senón que o seu deputado González Alonso acusou os nacionalistas de "manipular as vítimas" e de "politizar".

Non é a primeira vez que os parlamentares do BNG ou de AGE teñen que escoitar esas acusacións da bancada do PP (e mesmo do PSOE) por pedir  que se investigue en sede parlamentar o que pasou en Angrois. O deputado socialista Raúl Fernández acusáraos  de  "sobreactuación partidaria". Porén, e máis unha vez, ninguén supera a Paula Prado. Cando era portavoz do PPdeG no parlamento espetou un "fan política cos mortos" que escandalizou até as familias das vítimas

QUEN E POR QUE?

"O accidente de Angrois puido evitarse". A frase, dun ou doutro xeito, partíllana vítimas, veciñ@s, técnicos..." Iso é o que máis rabia dá, que se podía ter evitado. E que se non se evitou foi porque alguén non fixo as cousas ben", sostén o presidente de  Apafas. É aí onde se entra na zona de sombra dos intereses do Estado e dos grandes partidos. "Nin a PP nin a PSOE lles interesa que haxa responsabilidades tan altas", manteñen na plataforma. Entidade que considera "insultante" e "aldraxante” que para o aniversario da traxedia "si que se dean présa PP e PSOE en aparecer", polo que solicitou qu se abstivesen de tomar parte nos actos."Pregamos encarecidamente que se absteñan de achegarse. Respecto é o que lle pedimos ese día xa que non nolo tiveron o resto do ano".

Hai vítimas que afirman que a mellor homenaxe sería que ADIF e Renfe "deixasen de esconder as súas responsabildiades" e que "se fose até o fondo". Un fondo que,neste caso, é moi alto en canto a cargos do Estado. "Todos temos claro  que o sistema ERTMS evitaría o sinistro, non si? Ben. E o ERTMS estaba contemplado no proxecto, non si? Ben. Mais o ERTMS non estaba nese tramo. E iso non o decidiu o maquinista", reflexiona Rodríguez. José, de Angrois, pon o ramo á conversa: "Ao mellor é que nunca houbo unha idea de traer un AVE para Galiza, foron facendo a cachos e mal. E así, claro...".

Comentarios