Ana Pontón: "Este domingo temos unha oportunidade para pór de manifesto que Galiza non é un pobo submiso"

Após ser expulsada da tribuna do Parlamento di, "por incomodar ao Partido Popular" Ana Pontón denuncia a "leitura partidaria" que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, fai do Regulamento.

A deputada do BNG asegura que "a maioría absoluta" que goza o PP na institución parlamentar non conta co apoio das maiorías sociais polo que chama a saír á rúa o 15 de setembro porque "é unha oportunidade de ouro" para "reivindicar que existimos e que só desde Galiza poderemos pór solución aos múltiples problemas que temos"

A pasada terza feira foi expulsada da tribuna do plenario. Como valora o acontecido?
É un síntoma anti-democrático dun Parlamento no que a maioría do PP quere vulnerar o dereito máis básico que é a liberdade de opinión. Poder dicer o que moitas persoas pensan na Galiza, e é que foi absolutamente vergoñento que, após o acontecido en Angroi,s o PP --neste caso coa cumplicidade do PSOE-- pretendan evitar que os galegos e as galegas coñezan a verdade. Coido que é un síntoma do medo que ten o PP, o medo que o leva a aplicar a censura no Parlamento.

Mentres vostede falaba na tribuna o xulgado imputou a 5 directivos de Adif e mesmo pediu identificar a máis responsábeis. Como valoran o rexeitamento á creación de senllas comisións de investigación na Galiza e en Madrid?
O xulgado está a pór de manifesto que existen responsabilidades políticas no accidente, que non poden ser agochadas. Creo que é unha fraude, primeiro ás vítimas e segundo ao conxunto da cidadanía deste país, que non se permita abrir unha investigación no ámbito político. Se algún sentido ten o Parlamento de Galiza ou calquera outra institución representativa é que aí se respondan ás interrogantes e preocupacións en relación co acontecido en Angrois. Entendemos que a decisión do PP é unha maneira máis de degradar o Parlamento e as institucións. 

"A aplicación que está a facer Pilar Rojo do regulamento é unha leitura de parte"

Díxose mesmo que o Parlamento non é "competente" nen ten "potestade" para investigar...
É un argumento absolutamente insolvente. O único que hai detrás son dúas forzas políticas [PP e PSOE] que non queren que se coñeza a verdade. O regulamento da Cámara di que se pode iniciar unha comisión de investigación sobre calquera asunto de interese público. Se coñecer a verdade sobre o accidente de Angrois non o é, que o PP nos explique que pode ser. Isto dá boa conta da actuación de dúas forzas de ámbito estatal que non queren recoñecer a lexitimidade do Parlamento do que toman parte. 

Estase a facer unha leitura partidaria do regulamento?
A aplicación que está a facer a presidenta é unha leitura de parte dun regulamento que coido ten moitas carencias desde o punto de vista democrático. De feito, calquera persoa que siga de maneira habitual as sesións pode ver como de xeito continuado os conselleiros non se cinguen á cuestión e mesmo se permiten o luxo de non responder ás cuestións que se lles formulan e nunca son chamados á orde, tampouco se lles retira a palabra. En todo caso, para min é unha honra que o PP se incomode por escoitar as verdades, aínda que me pareza patético e triste que iso poida pasar nunha institución que representa aá cidadanía galega.

O día seguinte á súa expulsión foi sancionada a parlamentar de AGE, Chelo Martínez, que non poderá asistir á vindeira sesión. Existe un ambiente de crispación?
Existe unha tensión na Cámara que en todo caso reflicte a que existe na rúa. Mais é a propia presidenta da Cámara a que está promovendo que se incremente o nivel de tensión. Dáme a impresión que esta é unha estratexia que ten plantexada o PP.

"Sairemos á rúa para reivindicar que existimos e que só desde Galiza poderemos pór solución aos múltiples problemas que temos"

Este domingo o Bloque convoca unha manifestación a prol dos dereitos nacionais para Galiza...
Para nós é moi importante que as mobilizacións que se convocan, non só como resposta á crise económica, senón na procura de alternativas, teñan éxito. Coido que este domingo temos unha oportunidade para pór de manifesto que Galiza non é un pobo submiso, que Galiza non acepta as actuais políticas. Coa mesma dignidade que a amosada polo pobo catalán, sairemos á rúa para reivindicar que existimos e que só desde Galiza poderemos pór solución aos múltiples problemas que temos. Se algo pon de manifesto a realidade actual é que ou temos capacidade real de decisión e rescatamos a democracia ou continuará avanzando este marco de regresión e de ataque aos dereitos sociais. O día 15 temos unha oportunidade para amosar esa Galiza viva, rebelde que está orgullosa do que é e que expresa con clareza que este réxime político no que vivimos non nos serve. Desde o BNG defendemos unha alternativa democrática, xusta. 

Perante dúas maiorías absolutas --na Galiza e en Madrid-- é unha urxencia amosar o rexeitamento a este estado de cousas na rúa?
Hai unha realidade institucional que lle confire unha maioría absoluta ao PP, mais non creo que a maior parte da sociedade deste país concorde co que está a facer. Neste senso, unha parte importante da oposición que podemos facer é estar nas rúas, nos conflitos sociais. A manifestación é unha oportunidade de ouro para iniciar o curso con mobilizacións sociais, reivindicando os dereitos nacionais e sociais que son dúas caras dunha mesma moeda. 

Comentarios