Ana Miranda cuestiona o plan director da Rede Natura na UE

A UE permite un proxecto de acuicultura industrial en Corrubedo? A eurodepuada Ana Miranda dirixiuse ao executivo da Unión Europea para que estude a compatibilidade do plan director da Rede Natura coa directiva europea do hábitat.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interesouse diante da Comisión Europea pola compatibilidade do proxecto do plan director da Rede Natura con normativa europea do hábitat, concretamente no punto referido á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvetres, que amparou a creación da Rede Natura 2000.

Para a deputada no parlamento europeo, o goberno de Feijóo está a facer unha interpretación “abusiva e extensiva” dunha circunstancia que a directiva contempla como excepcional, referíndose a que o plan da Xunta permite empregar o suposto de “razóns imperiosas de interese público de primeiro orde” a un proxecto de carácter industrial.
O plan permite, segundo indicou, que un proxecto de acuicultura industrial se instale nunha zona de especial interese ecolóxico ou da Rede Natura como é o caso de Corrubedo aínda que ocasione claros prexuízos á conservación medioambiental, mais acolléndose a razóns de interese pública de primeira orde. “En ningún caso se trata de abrir 1.200 quilómetros de litoral de extraordinaria biodiversidade á instalación de proxectos de acuicultura industrial” explica a deputada, chamando en especial atención aos espazos da Rede Natura, creados con motivo da directiva que podería incumprir o plan director da Rede Natura.
Segundo Ana Miranda, a directiva europea en ningún momento permitiría a instalación do proxecto de acuicultura no parque natural de Corrubedo, xa que “únicamente poderán alegar consideracións relacionadas coa saúde humana, coa seguridade pública ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente”, ao seu ver, ben distintos dos intereses económicos –maiormente multinacionais- das industrias de acuicultura.
A eurodiputada aproveitou para cuestionar a aposta da Xunta de Galiza pola acuicultura, ademais de xerar contaminación e impacto ambiental, prexudica outro tipo de actividades económicas máis sustentábeis relacionadas co mar, como a pesca artesá ou o marisqueo.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa anulara en febreiro do presente ano o plan para a creación dunha piscifactoría en Laxe Brava, na zona protexida de Corrubedo.

Comentarios