Ana Ermida: “O de Barreiros é o modelo de urbanismo do PP”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de anular o Plano Sectorial polo que a Xunta tentaba legalizar máis de tres mil vivendas en Barreiros. Recoñece ademais a existencia de “desvío de poder” na súa actuación, o que, para a concelleira do BNG Ana Ermida, tería que ser motivo de dimisións no goberno de Feijóo. Con pouco máis de 3.000 habitantes, en Barreiros déronse licenzas para 6.000 vivendas. 

-Como valora a sentenza do TSXG que anula o Plano Sectorial de Barreiros?

A sentenza vén dar a razón aos posicionamentos que o BNG mantiña, reforza a idea de que o que pasaba en Barreiros non era conforme a legalidade e que a Xunta estaba a tapar con esta decisión oq que fixera mal o goberno municipal. Ademais, sempre denunciamos que se estiveran a gastar cartos públicos tentando amañar o que se fixo mal. 

-Decláranse ilegais arredor de 3.000 vivendas, en que situación queda o Concello?

O Concello ten reponsabilidades porque foi quen outorgou as licenzas de construción. A Xunta o que fixo   foi aprobar un plan sectorial para que tiveran servizos vivendas que se construían en fincas que non tiñan, ao non ser solares. Nalgúns casos tratábase de fincas rústicas e noutras de chan urbano non consolidado. En Barreiros, por riba, a normativa urbanística non estaba adaptada á lei do Solo e déronse licencias mesmo con informes contrarios da secretaria porque non se poden dar en chan non consolidado. Poñémonos na situación de que a propia Xunta recoñece coa súa manobra que se deron licenzas cando non se podían dar, é dicir, carecen de servizos para construír cando xa estaba construído. 

"Nos anos 2005 e 2006 déronse arredor de 6.000 licencias, nun concello de pouco máis de 3.000 habitantes que xa tiñan problemas de servizos"

-Por que a Xunta ten tanto empeño en legalizar eses proxectos de construción?

É o modelo que o PP ten para o urbanismo e para Galiza. Poñer os recursos ao servizo dos grandes poderes, neste caso, dos promotores urbanísticos e construtores, noutros da minaría, como estamos a ver. É o seu modelo, poñer Galiza á venda, desde o solo ata os recursos naturais. O feito de que sexa a propia Xunta a que tente a legalización vén dado por isto, por se por, unha vez máis, aos pés dos contracturas. 

-Un dos que máis manifestou o seu apoio á política urbanística de Barreiros foi Alfonso Rueda. 

Foi especialmente crítico con anterioridade dicindo que a paralización da sobras era unha cuestión política de persecución contra Barreiros por ser do PP. Na campaña do 2009 afirmaron en actos electorais que se chegaban ao goberno todo ía estar solucionado. Esta é a súa maneira de facelo. 

-A sentenza recoñece “desviación de poder” por parte da Xunta, que consecuencias políticas pode ter? 

Significa que utilizaron un instrumento para fins que non eran propios, é dicir, neste caso, un plan sectorial para legalizar obras, obviando as normas urbanísticas. Podíase estar a incorrer nunha figura delitiva, se se proba que se fixo con coñecemento. Poderíamos estar a falar de prevaricación. Por riba, a Audiencia Provincial acaba de decidir abrir o proceso de investigación ao alcalde, a comisión de goberno e a arquitecta que se sobreseera por falta de probas. Fora tamén unha denuncia de Adega por prevaricación na concesión de licencias. 

-En moi pouco tempo, o concello mudou de maneira notábel. Que supuxo para Barreiros esta construción masiva de vivendas?

Nos anos 2005 e 2006 déronse arredor de 6.000 licencias, nun concello de pouco máis de 3.000 habitantes que xa tiñan problemas de servizos, en concreto, de abastecemento de auga. Non se reforzaron os servizos e, por outra parte, tampouco os ingresos repercutiron no propio Concello, que pechou o pasado ano cunha débeda viva de dous millóns e medio de euros. A veciñanza non viu mellora algunha e só esqueletos a medio facer. Creáronse ademais moitas expectativas nos particulares que provocaron tensións fortes. 

-A “burbulla” de Barreiros estoupou pouco antes da crise, como afectou ao mercado de vivendas?

Anunciouse precisamente que a construción ía ser o desbloqueo da crise mais nada máis lonxe.Non están construídas todas as vivendas para as que se deron permiso e moitas das que se iniciaron non se deron rematado polo que agora podes atopar, por exemplo na estrada xeral, esqueletos de obras paralizadas. Novas vivendas ocupadas non haberá máis de cen.  

-Quen ten responsabilidade na situación na que agora se atopa Barreiros?

A decisión foi política e avalada por un Consello da Xunta presidido por Feijóo,é evidente que hai que depurar responsabilidade e, nunha situación normal, sería causa de dimisións. 

Comentarios