A AN imputa un militante de Briga por "apoloxía do terrorismo" no 'Twitter'

Lucas Arbones prestou declaración durante 5h perante o fiscal e unha equipa de tres psicólog@s no tribunal especial español. 

briga
photo_camera [Imaxe: @GzBriga]


A Audiencia Nacional española considera o militante de Briga na comarca do Morrazo Lucas Arbones responsábel do delito de "apoloxía do terrorismo".

Segundo foi informado esta segunda feira, 24 de febreiro, son comentarios publicados na súa conta de 'Twitter' o que o levou a ter que declarar perante o tribunal especial español. Até estar dentro nen el nen o seu avogado, Guillerme Presa, coñeceron as razóns polas que fora chamado a declarar. 

En conversa con Sermos Galiza, tanto Arbones coma Presa explicaron que a fiscalía reclama para o independentista até 2 anos de cárcere, mais que após ouvir as súas declaracións a rebaixa da condena é probábel, mudando a privación de liberdade por traballos sociais e unha sanción económica.

Declarou durante 5h a respeito de chíos como citas do 'Mini-manual do guerrilheiro urbano', do guerrilleiro brasileiro Carlos Marighelha, nos cales a AN aprecia "enaltecimento" e "humillación ás vítimas do terrorismo"

Aliás, o letrado denunciou a situación "de indefensión" en que se atopou o mozo ao non coñecer as acusacións que pesaban sobre el.

Dixo Lucas Arbones que a comparecencia perante a AN durou "cinco horas" e que foi interrogado polo fiscal e por unha equipa de tres psicólog@s a respeito de chíos publicados na mencionada rede social "como citas do Mini-manual do guerrilheiro urbano", o escrito político máis coñecido do guerrilleiro brasileiro Carlos Marighelha, publicada en 1969.

Nos seus comentarios do Twitter a Audiencia Nacional advertiu "enaltecimento", mais tamén "humillación das vítimas do terrorismo".

Arbones estivo acompañado pola súa familia e por militantes de Briga e de Nós-UP, que se deslocaron até Madrid para se concentraren perante a procuradoría de menores do tribunal español, onde declarou o mozo.

Comentarios