Amancio Ortega e Castellano, obrigados a pagar a Facenda grandes cantidades que quixeron eludir

A terceira persoa con máis cartos do mundo e que paga menos impostos que a media ao utilizar Sicavs litigou até o final para non achegar ás arcas públicas 33 millóns -o seu patrimonio é de 43.000- pero terá que facelo por decisión do Supremo. O mesmo ocorre co actual presidente do nacionalizado Novagalicia Banco, obrigado a abonar 365.000 euros nunha sentenza que os acusa de usar fórmulas “artificiais”.

Amancio Ortega
photo_camera Amancio Ortega

Debaixo do fulgor empresarial e os recoñecementos oficiais e mediáticos non cesan de aparecer novas moito menos positivas arredor do imperio Inditex. A última publicábaa o diario madrileño El País, que desvela que o dono da empresa textil, Amancio Ortega, e o que foi a súa man dereita e agora dirixe o nacionalizado Novagalicia Banco, José María Castellano, tiveron que ser obrigados a pagar 33 millóns e 365.000 euros a Facenda por impostos que debían do período entre 2001 e 2003 e que estes intentaron eludir até o final a pesar das súas fortunas e de utilizar polémicas fórmulas fiscais como as Sicavs, que lles permiten abonar unha porcentaxe menor de tributos que a media.

O caso menos relevante segundo a cantidade pero de maior significado político é o de Castellano, á fronte dunha entidade bancaria que agora mesmo -malia que a súa venta é inminente- é de titularidade estatal. Porén, e ao igual que Ortega, o que era alto directivo de Inditex cando se produciron os feitos e que na actualidade defende a quita ás persoas que foron enganadas cos seus aforros na estafa da preferentes recorreu até as últimas instancias o pagamento da cantidade, ao que foi obrigado por unha sentenza do Supremo que tamén desliza críticas de difícil encaixe co perfil necesario para estar á fronte dun banco nacionalizado. Segundo Facenda, Castellano creou “un artificioso entramado patrimonial coa finalidade de beneficiarse dunha exención que por definición non resulta aplicábel”.

En ningún dos casos se pode falar de fraude, pero si dun intento claro de evitar unha achega ás arcas públicas. Ocorre con Amancio Ortega, que terá que pagar a Facenda 33 millóns de euros, ao que tamén se negou durante moito tempo até o punto de litigar anos para aforralos, a pesar de resultar unha cantidade que resulta moi pequena en relación ao seu patrimonio, que se calcula en 43.000 millóns de euros, o que o converte segundo Forbes na terceira persoa máis rica do mundo.

A sentenza do Supremo tamén obriga a Marta Ortega, filla do fundador de Inditex e que seguramente asumirá o mando da empresa a medio prazo, a pagar a Facenda 897.000 euros.

Comentarios