Álvarez Cascos declara hoxe como testemuña no xuízo do Prestige na Coruña

O movemento social que se ergueu despois do atentado do Prestige pediu sempre a súa imputación mais é como testemuña que declara hoxe no xuízo da Coruña Francisco Álvarez Cascos, ministro de Fomento cando a catástrofe e autor político da decisión de afastar o barco e da xestión do desastre.

A declaración de Francisco Álvarez Cascos chega hoxe ao xuízo que se está a realizar na Coruña en calidade de testemuña xa que o que fora Ministro de Fomento canda se produciu o embarrancamento do Prestige nunca foi imputado, malia ser unha das máis repetidas demandas do movemento Nunca Mais que se ergueu posteriormente contra o atentado ecolóxico.

Cascos situábase ao fronte do departamento que tiña na súa man a decisión política de afastar o petroleiro da costa, elección que ía agravar, como logo se viu, asconsecuencias da traxedia.

Descoñécese se, desta volta, o ex-ministro aclarará as claves que conduciron á decisión de afastar o barco, unha vez que Álvarez Cascos se atopa agora fóra do PP, nunha carreira política que non sofriu castigo algún nestes dez anos xa que na súa traxectoria se atopa, entre outros cargos, o de ter sido presidente de Asturias.

Xa no seu momento, o departamento que dirixia Cascos caracterizárase polo ocultamento da información e mesmo se lle reclamara por orde xudicial o informe sobre valoración de riscos que levaran a desviar o buque o máis lonxe da costa posíbel (ao "quinto pino", en frase que se lle atribúe). De feito, o ministerio non aportara a documentación requerida xa hai dez anos.

Deputado do Foro en Asturias, Cascos asiste a unha vista oral despois de que o capitán do barco, Apóstolos Mangouras acusara o departamento que dirixía hai dez anos de graves erros na xestión. Mangouras afirmou no xuizo que a situación podía ter posibilitado arrastrar o petroleiro para facer un trasvase do combustíbel mais foron os responsábeis do goberno español os que, segundo declarou, deron a orde de afastar mar adentro o petroleiro. Desde Nunca Máis reclamouse desde que o buque comezou a botar chapapote a imputación do que fora Ministro de Fomento e demais responsábeis políticos do atentado ecolóxico.

Comentarios