Margarita Ledo,Xesús Ferro, Díaz Fierros e Monteagudo avalan a candidatura de Alonso Montero á presidencia da RAG

O profesor e escritor Xesús Alonso Montero formaliza a súa candidatura á presidencia da Real Academia Galega co aval de Margarita Ledo, Xesús Ferro, Díez Fierros e Henrique Monteagudo. No seu equipo xa anunciou que contará coa lingüísta Rosario Álvarez e o teólogo Andrés Torres Queiruga. A carreira para presidir a RAG acelérase. 

Xesús Alonso Montero
photo_camera Xesús Alonso Montero

O proceso para cubrir a vacante da presidencia da RAG colle velocidade coa presentación formal das candidaturas que concorrerán a presidir a insitución. O profesor Xesús Alonso Montero escolleu o primeiro de abril para presentar a súa proposta que conta coa aval de Margarita Ledo, Xesús Ferro, Díaz Fierros e Henrique Monteagudo alén de estar acompañado por Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga no equipo que propón para dirixir a Academia. Polo de agora, ningunha das candidaturas presentou máis de dous dos catro membros que tomarán parte na executiva, deixando a porta aberta a un posíbel acordo que se podería materializar nunha candidatura unitaria. Mália ese xesto, o propio Alonso Montero manifestou despois de rexistrar a candidatura que a presidencia non é negociábel. 

Tiñan tres meses para cubrir a vacante de Ferrín mais os prazos non se apurarán até o final. Este luns o profesor Alonso Montero, que foi segundo en anunciar a súa candidatura, adiantouse na convocatoria dun acto público presentación formal da proposta que o candidatará a ser sucesor de Méndez Ferrín á fronte da institución na que entrou en 1993 ocupando a cadeira que deixara vacante Rafael Dieste. Avalaban entón a Alonso Montero na súa entrada Carlos Casares, Ramón Piñeiro e Xosé Filgueira Valverde, encargado tamén de darlle réplica no discurso. 

Xesús Alonso Montero anunciou a súa presentación unha vez o académico Manolo González fixera pública a través dunha carta aos membros da institución a súa vontade de concorrer á convocatoria para suceder a Ferrín. Na presentación na rúa Tabernas, Alonso Montero afirmou que, a presentación de González pechou a porta a unha candidatura unitaria e empurrou a callar a que vén de formalizar. Coa presentación dos dous candidatos, o plenario da Academia enfróntase a unha situación insólita xa que, até o momento, todos os presidentes saíron dunha única lista apoiada por unha inmensa maioría dos membros do pleno. Con respecto ás acusacións vertidas por Ferrín e Axeitos a repecto dun posíbel control da RAG por parte do CCG e o ILG, Alonso Montero defendeu a independencia da institución e negou calquera intromisión externa. Avogou, no entando, por unha coordinación entre as tres entidades. 

Aconteza o que aconteza no pleno no que se vote por un dos dous candidatos, o que si é certo é que, de non haber un acordo previo que non se albisca nese momento, o novo presidente non chegará coa unanimidade que amparou a Ferrín como candidato único. Mália a facilidade coa que se botan contas nos poucos membros do pleno, únicos con dereito a voto, ninguén se anima a dar a vitoria por segura. Antes ben, os números bailan dunha parte para outra. 

Por unha banda, a constitución dos equipos cos que os candidatos se presentan diante do plenario afonda máis nas incertezas. Xesús Alonso Montero adiantou dúas das persoas que participarán na súa candidatura. O teólogo Andrés Torres Queiruga e a filóloga e até hai ben pouco presidenta do ILG, Rosario Álvarez, deron un paso adiante para avalar a candidatura de Alonso Montero. Canda eles, agárdanse que apoien ao escritor os membros vencellados ao Consello da Cultura Galega -da que Torres e Álvarez son activos representantes- mais, contra o agardado, non todos os vencellados ao ILG. Coa candidatura do filólogo Manolo González, á fronte do Instituto Ramón Piñeiro, anunciaron a presentación os filólogos Xosé Luís Regueira e Francisco Fernández Rei, tamén membros do consello científico do ILG. 

González e Fernández Rei, da anterior executiva

Manolo González leva na Academia desde 1992, un ano antes que Alonso Montero, e na súa dirección ocupou os cargos de secretario e tesoureiro, este último no equipo presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín. A candidatura de González componse, desta maneira, con dous dos membros da anterior equipa directiva, el mesmo e Francisco Fernández Rei, polo que se entende como continuidade da executiva precedente. 

A Academia aínda non fixou a data na que se desenvolverá o pleno do que saia o seu novo presidente mais todo indica que será antes de remate deste mes e mesmo se pode adiantar á próxima semana, a tempo para que o novo cargo se poña á fronte das conmemoracións do Día das Letras Galegas. 

Comentarios