O debate da TVG deixa ver que Alonso Montero e Manuel González se afastan do consenso

Non haberá consenso, salvo surpresa de última hora. Esa é a conclusión básica que se tira do debate na TVG entre Alonso Montero e Manuel González. Ferrín, pola súa banda, en declaracións a Faro de Vigo, afirmou que a candidatura de Alonso Montero ten en mente a retirada do recurso contra o decreto do plurilingüismo.

Alonso Montero e Manuel González
photo_camera Alonso Montero e Manuel González

As posturas están afastadas. Máis aínda que hai corenta e oito horas, apuntou no debate da TVG o candidato Xesús Alonso Montero. Manuel González , pola súa parte, en pleno direto televisivo, deu resposta á proposta que a outra candidatura lle trasladara na tarde da segunda feira: non acepta as condicións que se lle poñen sobre a mesa.  

Os candidatos levaban quince días, sen se ver mais. Porén, si houbo encontros entre os seus representantes. Aconteceu na tarde da segunda feira, após González ter exposto o seu programa na sede coruñesa da RAG e ter lamentado que non houbese espazos para o consenso. Foi entón cando desde a candidatura de Alonso Montero o convocaron a unha xuntanza que tivo lugar en Compostelas e reuniu o propio Manolo González con Ferro Ruibal, Rosario Álvarez e Torres Queiruga. Teríanlle ofrecido a González dous dos postos da próxima executiva cunha salvedade: non poderían ser ocupados por ninguén da executiva anterior. Esta condición deixaría fóra ao propio Manuel González e a Fernández Rei. O tesoureiro da RAG durante a presidencia de Ferrín tomou nota e deixou a resposta en suspense e foi hoxe, en directo na TVG, cando rexeitou a proposición que se lle fixera en Compostela hai corenta e oito horas.

Durante os contatos, a candidatura de Alonso Montero mostrouse como gañadora virtual deste proceso interno, após González ter admitido que non conta con votos abondo no plenario.

Así as cousas, parece irremediábel que a RAG se enfronte a unha situación insólita na súa historia. O próximo día 20 dúas candidaturas se enfrontarán en votación para ocupar a nova direción da Academia, despois da demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Ferrín entra en campaña acusando Alonso Montero de querer retirar o recurso contra o decreto

O propio Ferrín aparece de novo en escena dous meses despois da demisión cunhas declaracións no xornal Faro de Vigo en que mostra ás claras o confronto interno na RAG. “O grupo que xa ten o Consello da Cutlura, Galaxia e a Fundación Otero Pedrayo quere apoderarse da RAG para que estea ao servizo do poder autonómico”, afirma antes de salientar que as razóns da súa “expulsión” están no recurso contra o decreto do plurilingüístico, recurso que, segundo Ferrín, a candidatura de Alonso Montero querería retirar.

No entanto, Alonso Montero afirmou na TVG que non está na súa vontade a retirada do recurso. González contraatacou dicendo que “non na súa [vontade] mais si na de membros do equipo que se teñen manifestado contra a presentación do recurso”. 

Os puntos de desencontro dos dous académicos no debate da televisión pública galega foron moitos. Manuel González mostrouse como candidato continuista, coñecedor do funcionamento da Academia e defensor do seu papel na normalización lingüística. Alonso Montero deuse a ver como a proposta desvinculada das acusacións de nepotismo da anterior directiva e institucionalista no sentido de defender os obxectivos recollidos no estatuto da RAG. 

O candidato Manuel González, tesoureiro na executiva de Ferrín, aludiu as acusacións deitadas contra a directiva saínte, a comezar polo recurso e a seguir polo uso do coche oficial que, ao seu ver, aforra entre 10.000 e 12.000 euros. Como resposta, Alonso Montero prometeu ir desde Vigo á Coruña en tren ou, algunha vez, en taxi ao que o seu contrincante lle lembrou que a dedicación da Academia require traballo diario e visitar todo o territorio galego, para o que é imposíbel o transporte ferroviario. 

Diagnóstico do idioma

Tampouco coincidiron González e Alonso Montero no diagnóstico da situación do galego. Para Manuel González, botando mao do título do libro de Alonso Montero que agora fai corenta anos, o momento parécelle “dramático” e criticou a ausencia dunha política lingüística que camiñe cara á normalización da lingua. A moderadora do debate preferiu o adxectivo "delicada” para e referir á situación do galego. Alonso Montero situouse entre un e outro calificativo, lamentando que as instancias educativas e gubernamentais non se empeñasen na normalización do idioma. 

Comentarios