Alonso Montero di que o BNG “apreta tanto que abafa” á lingua, como as nais ás crianzas

“O BNG é como esas nais que queren moito aos nenos pequenos que os apretan tanto que os abafan”. Así definiu o novo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero a relación da organización nacionalista coa lingua na súa máis recente entrevista en Voz TV. 

Xesús Alonso Montero
photo_camera Xesús Alonso Montero

Alonso Montero recoñeceu que “se hai unha formación política que está comprometida a fondo coa lingua galega é o Bloque” sen embargo, a súa afirmación non era gabanciosa como podería parecer. De seguido, o novo presidente da RAG ampliou a súa valoración para dicir que “o BNG é como esas nais que queren tanto aos nenos pequenos que os apretan tanto que os abafan”. 

O presidente da Academia remitiuse ao BNG na súa entrevista despois de recoñecer que, na cidade, continúa a se pensar que cando alguén fala galego “ou é un pailán ou é do Bloque”. Alonso Montero non reparou en relatar unha anécdota que lle aconteceu na froitería do seu barrio en Teis na que cambiaron de opinión sobre el e a lingua cando unha alumna lle explicou á dependenta que “era autor de vinte libros, catedrático, académico...” co que conseguira que agora lle falara “toda a familia en galego”. 

“Eu que cada vez son máis defensor do galego, son un defensor moi táctico, chego a un sitio e con frecuencia non fala en galego” dixo o presidente da RAG

Máis unha vez o novo presidente da Academia volveu encender ás redes coas súas opinións. Despois da entrevista con Fernanda Tabarés en Voz TV, as súas declaracións foron outravolta obxecto de moreas de comentarios, a comezar polos que reclamaban ao presidente da Academia unha posición institucional a respeito da lingua e non partidaria. As referencias ao BNG levaron a que se lembrara nas redes a conveniencia de que abandonara a súa condición de militante do PCE e membro de AGE para asumir a súa condición de presidente da RAG. 

“Eu que cada vez son máis defensor do galego, son un defensor moi táctico, chego a un sitio e con frecuencia non se fala en galego” afirmou o presidente da RAG apuntando que, polo seu aspecto habitual -sen traxe e gravata como no momento da entrevista locía- dába para pensar con ese preconceito co que el non concordaba “este señor o es un pailán o es del Bloque”. 

Alonso Montero explicou que nas casas de Fernández del Riego, Otero Pedraio ou Carvalho Calero non se falaba en galego fronte ao modelo da casa de Antón Beiras e Antía Cal, quen situou como primeira familia que mudara de lingua para asumir  o galego no seu ámbito privado o que explicou ao situar ao oftalmólogo “no ámbito do marxismo”.  

Mantivo que a maneira de conseguir falantes ten que ser “pedagóxica e persuasiva”. “Seducir máis?” preguntoulle Fernanda Tabarés. “Vostede xa leva iso á escena amorosa, teña coidado” espetoulle Alonso Montero.

Comentarios