Almodovar: máis un paso en certa tradición española de nos ter por parvos

A frase do director de cinema (“se eu fose analfabeto, galego...”) volve lembrar tópicos e clichés que dos e das galegas pervive en certo sector da sociedade española.

libro-los-mas-inteligentes-chistes-de-gallegos-4129-MLA2694618888_052012-F
photo_camera Portada de 'Chistes de Gallegos'

Se eu fose un home analfabeto, galego... vou e espero polo señor Blesa e rebánolle a gorxa”. O director de cinema Pedro Almodóvar pronunciou esta frase nunha entrevista na Cadena Ser ao se referir ao calote das preferentes. Sen intención algunha de insultar os e as galegas, seguro. Nin de menosprezar a un pobo nin unha cultura,. Certo. Mais díxoas. E ligou analfabetismo e galego. Non é unha novidade. Cómpre lembrar, por exemplo, como hai apenas dous anos, un xefe de policía española definía o electricista acusado de roubar o Códice Calixtino: "É pechado, escuro e galego".

Desde aquel 'El gallego es un animal muy parecido al hombre que Dios inventó para alivio del asno" de Mariano José de Larra aos máis recentes exabruptos da líder de UPyD, Rosa Díez, pasaron moitos anos, mais semella que non pasaron os prexuizos.

Desde Castelao nalgunhas follas do 'Sempre en Galiza' até Miguel A. Murado en capítulos de 'Otra idea de Galicia', non son poucos os e as autoras que teñen abordado a visión existente en España d@s galeg@s. En España hai unha longa ringleira de refráns, frases e ditos' sobre o carácter ou persoalidade d@s galeg@s. Desde aquel refrán de 'Ni negro, ni perro ni mozo gallego' (os ingleses decían a respecto das e dos  irlandeses: 'No black, no dog, no irish') que os que ían á seitura en Castela escoitaban nas vilas da chaira; até o de 'gallego si no te atreves' que en Madrid era moeda común para chamar a alguén covarde. Por non esquecer as definicións de galego en dicionarios españois, só variadas nesta última edición.

Comentarios