Allariz súmase á lista de concellos que asumirán o repagamento farmacéutico

O concello de Allariz vén de sumarse á listaxe de municipios que asumen o repagamento farmacéutico hospitalario. Logo da iniciativa encabezada polo goberno de Riotorto, acóllense á medida os concellos de Mondoñedo, Ribadeo, Monforte, Pobra de Brollón, Pedrafita, Pol, Vilanova de Arousa e Allariz. O BNG chama a unha "batalla social" contra o novo recorte sanitario. 

Acto en Lugo contra o repagamento
photo_camera Acto en Lugo contra o repagamento

O concello de Allariz súmase á listaxe de concellos que asumirán o repagamento farmacéutico hospitalario para pacientes con enfermidades crónicas e de cancro para familias con dificultades económicas. “Esta decisión obedece á necesidade de dar cobertura a aquelas familias con dificultades económicas do municipio que non podan facer fronte ao custe do pago farmacéutico que, até a data, viña abonando a administración autonómica”, manifestou o rexedor, Francisco García (BNG) que anunciou tamén a inclusión dunha partida con este obxectivo nos orzamentos municipais do 2014. 

O de Allariz acolle así a iniciativa que botou a andar o rexedor de Riotorto (BNG) e á que xa se sumaron Mondoñedo, Monforte, Pobra de Brollón e Ribadeo (BNG), Pedrafita e Pol (PSOE) e Vilanova de Arousa (PP). 

Batalla social contra o repagamento

Á medida, encabezada polo alcalde de Riotorto, Federico G. Estoa, quere o BNG que se sumen entidades e institucións nunha grande “batalla social” visando paralizar a entrada en vigor do repagamento no caso de doentes crónicos. Neste sentido, a organización nacionalista compareceu onte nunha rolda de prensa en Lugo para manifestar a súa vontade de sumar apoios á oposición do repagamento farmacéutico, reclamando á Xunta que paralice a entrada en vigor da resolución que obriga a doentes a asumir unha parte do pago dos fármacos. “Debemos dar a batalla social fronte a unha Xunta que pretende imporlles unha multa aos doentes de cancro existentes en Galiza. Pretendemos que a Xunta recúe”, sinalou a responsábel de acción municipal, Goretti Sanmartín, no acto público no que participaron un amplo grupo de cargos institucionais e orgánicos, entre eles o secretario de organización Bieito Lobeira, o deputado Cosme Pombo e máis os alcaldes de Monforte, Severino Rodríguez, de Ribadeo, Fernando Suárez e de Riotorto, Federico G. Estoa.

Un goberno sen alma

“Estamos diante dun goberno sen alma que non coñece a palabra humanidade e que con decisións deste tipo non fai outra cousa que retratarse ou deixar claro que só goberna para os ricos”, sinalou Cosme Pombo na súa intervención nunha xornada en que o BNG avogou por unha sanidade “universal e gratuíta” e convidou a sumar forzas na grande batalla para defender os dereitos sociais adquiridos.

“Estas políticas de repago teñen unha incidencia moi especial en Galiza dado que o noso país se atopa á cola tanto no que son os salarios como as pensión. Por conseguinte todo aquilo que represente un copagamento repercute directamente na renda das persoas, diminúe o poder adquisitivo e opera como un elemento que grava a situación económica a dous niveis: primeiramente á das persoas, posto que dificulta que poidan facer fronte a gastos necesarios da súa vida; pero tamén afecta a economía de xeito directo ao consumo”, afirmou Goretti Sanmartín. 

“Non teño dúbida algunha que a grande a maioría da sociedade, isto é, esa grande maioría de xentes de ben, non podemos dar por boa unha proposta que deixa fora do dereito a saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo”, dixo Federico G. Estoa ao tempo que lembrou a convocatoria de entidades sociais e representantes institucionais para o vindeiro 26 de outubro en Riotorto co fin de artellar conxuntamente medidas para se enfrontar a estes novos recortes en materia sanitaria.

Comentarios